Este evento centrado no emprendemento desenvolverase do 20 ao 22 de setembro en Pontevedra

Tecnoloxía, competencias dixitais e videoxogos centrarán a quinta edición do Pont-Up Store

A presentación de candidaturas permanece aberta ata o 8 de xullo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Cultura
DUVI Pontevedra 12/06/2018

Talento transformador é o lema da quinta edición do Pont-Up Store, o encontro de emprendemento que promove a Vicerreitoría do campus, a través do Campus Crea S2i, co Concello como patrocinador principal e que os días 21 e 22 de setembro converterá de novo Pontevedra nun escaparate para os novos emprendedores e emprendedoras. A tecnoloxía, as competencias dixitais e os videoxogos serán tres dos eixos do programa de actividades dun encontro que ata o 8 de xullo mantén aberto o prazo de presentación de candidaturas para que emprendedores e emprendedoras poidan dar a coñecer os seus produtos e servizos nas tres modalidades de participación. Por unha banda, ocupando un dos 33 stands gratuítos no recinto que se instalará na Praza de España, ao que se suma á posibilidade de promover “actividades demostrativas” que se insiran no programa do encontro e unha nova edición do Puntazo Express, no que os dez seleccionados e seleccionadas darán a coñecer os seus proxectos a catro representantes do sector empresarial.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e director do evento, Pedro Figueroa, presentaron este martes xunto á concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o deputado provincial de Economia, Carlos López Font, unha nova edición dunha iniciativa “importantísima para o tecido empresarial de Pontevedra” e que é froito da colaboración entre diferentes institucións, como salientou Soto. “Entre todos, permítenos habilitar un ecosistema creativo que fai que os emprendedores atopen na cidade un escenario idóneo” para dar a coñecer a súa actividade profeisonal e testar os seus produtos, engadiu Gulías dun evento que achega a Pontevedra “unha mostra do mellor emprendemento, non só da cidade senón de toda Galicia”. Nese mesmo senso, o representante da Deputación neste evento, puxo o acento nun dos obxectivos fundamentais do Pont-Up Store, “facilitar aos novos emprendedores espazo e visiblización”, así como “promover a cultura do emprendemento nuns tempos de economía global e internacionalización”.

Un escaparate para preto de 45 empresas

Unha mostra “do talento transformador do país” reunirase, como salientou Figueroa, nun evento que contará cunha xornada previa o 20 de setembro e que os días 21 e 22 proxectará as iniciativas empresariais dos e das seleccionadas no recinto instalado na Praza de España. Con inscrición gratuíta e dirixida a empresas xa constituídas cun máximo de 42 meses de antigüidade, desde a organización agardan reunir en Pontevedra preto de 45 novos proxectos empresariais, sumando as tres modalidades de participación no Pont-Up Store. De feito, trala apertura da inscrición a comezos de xuño, son xa preto de 30 as solicitudes presentadas para participar no evento, procedentes de múltiples puntos de Galicia.

Tecnoloxía e aprendizaxe

Ademais de para presentar a campaña da presente edición, inspirada nunha Pontevedra retrofuturista e protagonizada por Kore, unha moza emprendedora, esta presentación serviu tamén para dar a coñecer un primeiro adianto do programa , que nesta edición terá como fío condutor a tecnoloxía e a aprendizaxe, articulado por un comité organizador que cada ano incorpora a participantes en edicións anteriores e desenvolvido coa colaboración de máis de 35 entidades públicas e privadas. Así, o xoves 20 de setembro celebrarase unha xornada previa dedicada á formación, con conferencias, encontros, charlas, encontros, experiencias de internacionalización e presentación de iniciativas de economía social, entre as que se atopa unha sesión dedicada aos videoxogos como oportunidade de emprendemento.

Un laboratorio creativo de fabricación dixital e impresión 3D, que nesta edición prestará especial atención ao mundo da música, como explicou Figueroa, forma parte así mesmo das actividades dun evento que engloba tamén a celebración dos encontros anuais de diferentes entidades, como a Asociación Española de Mentoring (Amces), a comunidade de usuarios de WordPress ou AJE Galicia, promotora tamén, xunto con Abanca, dunha “carreira de empresas”, que terá lugar o sábado 22.

Por outra banda, o venres 21 desenvolverase unha nova edición, nesta ocasión aberta ao público interesado, do Puntazo Express, actividade inserida no programa Pontevedra ten un Puntazo da Concellería de Promoción Económica, e que levará ás dez empresas seleccionadas a presentar en cinco minutos os seus proxectos diante de catro mulleres; a catedrática da Universidade de Vigo África González, directora do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio), presidenta da Sociedad Española de Inmunoloxía e promotora da spinoff NanoInmunotech; Nuria Varela, fundadora da empresa Pazo de Vilane; María Caldeiro, xerente de Fundamar; e Lucía Gregorio, adxunta á dirección de Redegal. 

Así mesmo, no adianto da programación deste martes, Figueroa anunciou que o quinto aniversario deste evento será obxecto dunha exposición que permitirá facer balance dos preto de 200 proxectos presentados ao longo da historia do Pont-Up Store e que permitiron así mesmo que “se creara unha comunidade” arredor deste evento.