A actuación será este xoves 14 de xuño na antiga capela universitaria

Do Audible 2018 trae ao campus o cómic sonoro 'Wendy vai a México'

Participarán a dramaturga Nastascha Gangl e o dúo electroacústico Rdeča Raketa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
DUVI Ourense 13/06/2018

Do Audible 2018, ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia co comisariado de Vertixe Sonora, trae este xoves 14 de xuño un novo espectáculo ao campus de Ourense. A antiga capela universitaria acollerá ás 20.00 h, con entrada libre, o denominado cómic sonoro Wendy vai a México, no que a dramaturga Nastascha Gangl e o dúo electroacústico Rdeča Raketa constrúen un relato surrealista que parte da personaxe de cómic Wendy, nada en 1986. 

Wendy vai a México, sinalan desde a organización de Do Audible 2018, parte de materiais da primeira novela de Nastascha Gangl, publicada na editorial Ritter co mesmo título. “A autora austríaca, dramaturga e creadora de instalacións teatrais, argalla xunto a Rdeča Raketa, dúo electroacústico formado por Matja Osojnik e Matija Schellander, esta pintura sonora repleta de enerxía” indican. Neste drama radiofónico, detallan os responsables da cita, xorde un impresionante panorama acústico no que se mestura música punk, gravacións de campo, electrónica analóxica, cintas e instrumentos acústicos. Galardoada en abril deste ano co prestixioso Das Lange Brennede Mikro no Berliner Hörspielfestivals da capital alemá, o espectáculo estreouse como obra en proceso en tres eventos durante 2016 e 2017, sendo a peza rematada coproducida pola Radio Nacional Austríaca Ö1 e estreada en vivo en outubro do 2017 na Radiokulturhaus de Viena.

Confluír de traxectorias

O traballo escénico e literario de Nastascha Gangl céntrase, explican desde a organización do ciclo, no sentido da propiedade, como relación social, política e individual. “Xoga co absurdo no ritual e no sacro, investigando as fronteiras entre a lingua e a música, entre a lóxica e a intuición”, subliñan. As súas pezas escénicas fusionan teatro, ópera e instalación e presentáronse en diversos eventos e foros acadando diversos recoñecementos, entre eles o Premio Cultural da Cidade de Graz, unha bolsa do Literarisches Colloquium de Berlín e o Literar Mechana de Viena. Foi escritora residente do Staatstheater Mainz.

Pola súa parte, Rdeča Raketa, que significa foguete vermello, é un dúo formado por Matja Osojnik e Matija Schellander, músicos e compositores cunha activa presencia internacional que viven en Viena. A atención principal de Rdeča Raketa é a improvisación electroacústica, aínda que teñen traballado con improvisacións abstractas, composicións clásicas contemporáneas e o seu pasado está repleto de variados xéneros musicais. Nos derradeiros anos publicaron o traballo Old Girl Old Boy (2010) e Wir Werden (2013). Rdeča Raketa tamén creou música específica para filmes mudos e a banda sonora do filme histórico Atravesando os Balcáns de Karl Wratschko.