A través de reunións con representantes de universidades de Rosenheim e Salzburgo

A EE Forestal busca en Alemaña e Austria ideas coas que mellorar a súa titulación

Por outra banda, BBAA estreita lazos coa Amity University de Calcuta

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/06/2018

Ampliar os contidos formativos que integran a especialidade de industrias da madeira do grao en Enxeñaría Forestal e fomentar así mesmo a mobilidade do alumnado a universidades que, en materia de transformación química e mecánica da madeira, “atópanse entre as mellores de Europa”, son os dous obxectivos que levaron ao director da EE Forestal, Juan Picos, e á subdirectora, Ángeles Cancela, ata as universidades de ciencias aplicadas de Rosenheim (Alemaña) e Salzburgo (Austria). “A experiencia foi moi satisfactoria”, recoñece Picos dos encontros que, ao abeiro do programa Erasmus+, mantiveron cos representantes da titulación en tecnoloxía dos produtos forestais e construción da Salzburg University of Applied Sciences e da Facultade de Tecnoloxía da Madeira e Construción da Rosenheim University of Applied Sciences. Por outra banda, tamén ao abeiro do programa comunitario, concretamente da acción Erasmus+ Ka107, a Facultade de Belas Artes recibiu hai uns días a visita dun grupo de docentes da Amity University de Calcuta.

Mellorar a formación e promover a mobilidade

“Dentro do noso plan de traballo na dirección do centro e en función do que xa recollemos na memoria de verificación do título, estamos traballando na mellora da especialidade de industrias da madeira, na incorporación de novos contidos ás materias”, salienta Juan Picos dun dos motivos centrais da estadía que os levou ata dúas facultades “separadas por menos de 200 quilómetros que para nós constitúen un polo interesante de traballo”. Picos e Cancela mantiveron reunións co coordinador da titulación en tecnoloxía dos produtos forestais e construción da Salzburg University of Applied Sciences, Marius-Catalin Barbu, así como coa súa responsable de relacións internacionais, Ulrike Szigtei; ao igual que co responsable do título en tecnoloxías da madeira da Rosenheim University of Applied Sciences, Rainer Grohmann, e a responsable da oficina de relacións internacionais desta universidade, Sybille Möbius.

“Son dúas escolas nas que o que para nós é unha especialidade, para eles é un título exclusivo, que contan cunhas instalacións moi destacables, moi ben pensadas e ademais cun contacto moi directo coa industria da rexión", relata Picos dunha visita que pretendía coñecer máis o detalle os programas formativos así como as “instalacións practicamente semiindustriais” das que dispoñen para a formación práctica. Por outra banda, outro dos propósitos da estadía era tratar de reforzar a mobilidade dos estudantes entre as diferentes institucións. “Xa tivemos estudantes en ambas e a experiencia foi moi satisfactoria”, sinala Picos, que nese senso incide tanto na calidade da formación como na importancia que, tanto no sur de Alemaña como no norte de Austria, ten a industria transformadora da madeira, “tanto en transformacións tradicionais como noutras relativamente novidosas”, engade o director da EE Forestal, que incide na importancia de abordar desde o punto de vista formativo “como a revolución tecnolóxica está chegando tamén a esta industria, o que abre unhas posibilidades enormes”.

Despois de Xordania, India

Fomentar as relacións e acordos con organismos de educación superior de diferentes partes do mundo, fóra do espacio da Unión Europea, é o propósito principal do consorcio Cartes, unha iniciativa impulsada pola ESAD Antonio Faílde de Ourense no marco do programa Erasmus+ na que participan 18 centros de ensinanzas artísticas superiores de España, entre os que se atopa a Facultade de Belas Artes. Facultade que, ao abeiro desta iniciativa, recibiu a pasada semana a visita de Sankay Sen Gupta, Moutushi Chakraborty, Loveneesh Sharma e Joydip Sen Gupta, catro docentes da titulación en Belas Artes da Amity University de Calcuta. Na súa estadía no campus, o profesorado indio puido tanto coñecer a formación que se imparte na facultade como manter encontros tanto coa decana, Silvia García, como co por aquel entón vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho, e estreitar así lazos con esta institucións despois da estadía que ao abeiro dun programa aberto a todo o persoal docente e investigador, o vicedecano de Relacións Internacionais, Carlos Tejo, realizara nesta universidade. 

“Trátase dunha universidade cunhas instalacións moi interesantes e cun persoal docente co que temos moitas liñas de investigación afíns, que están facendo tamén cousas moi interesantes no ámbito do deseño e da moda”, salienta Tejo dunha institución coa que, recoñece, “sería interesante establecer vínculos a nivel de mobilidade de profesorado ou de alumnado de terceiro ciclo” e coa que Belas Artes puido vivir un primeiro achegamento grazas a unha iniciativa que a comezos de 2018 permitiu tamén establecer un primeiro contacto coa Universidade de Xordania, no que foi o primeiro achegamento desta facultade a unha institución académica de Oriente Medio.