Celebrarase en A Toxa os días 21 e 22 de xuño, organizado por Economics for Energy

O Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics acada a súa oitava edición con preto de 60 participantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 14/06/2018

Economistas académicos, investigadores e estudantes de doutoramento que traballan en cuestións enerxéticas e ambientais, participarán os días 21 e 22 de xuño na oitava edición do Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics (AWEEE), que se celebrará na Toxa. Organizadas por Economics for Energy, as sesións reunirán arredor de 60 especialistas procedentes de todo o mundo, que abordarán diferentes temáticas relacionadas co título do congreso, no que “esperamos manter o nivel académico de edicións anteriores, dado o crecente interese socio-económico e no mundo da investigación na temática do workshop”, sinala Xavier Labandeira, catedrático da Universidade de Vigo e membro do comité organizador, que tamén confirma que no programa final terán uns 70 traballos académicos, chegados de practicamente todos os continentes.

Coa colaboración do Centre for Energy Policy and Economics Departamento of Management, Tecnology and Economics (ETH Zurich) e a University of Münster e co apoio de Ecobas, o Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics incluirá dúas sesións maxistrais a cargo de Don Fullerton (Illinois) e Christiane Baumeister (Notre Dame), ademais das intervencións de catro investigadores convidados: Kathy Baylis (Illinois), Sébastien Houde (Maryland), Juan Pablo Montero (Pontificia de Chile) y Katrin Rehdanz (Kiel). Como novidade este ano, respecto de edicións anteriores, incorporarase unha sesión de pósters, co obxectivo de permitir manter unha asistencia similar sen realizar xornadas de traballo excesivamente longas. 

Un longo percorrido no tempo e prestixio internacional elevado

Dirixido a economistas académicos que traballan en cuestións enerxéticas e ambientais e coa presenza confirmada de investigadoras e investigadores “ben establecidos e con posdocs ou incluso con estudantes de doutoramento que se atopan na fase final do proceso de elaboración da tese”, sinala Labandeira, o workshop acada a súa oitava edición cun balance moi positivo. “Sinceramente creo que non podíamos imaxinar en 2004 que este workshop ía ter tanto percorrido no tempo e que collería un prestixio internacional tan elevado”, asegura o catedrático da Universidade, que considera que boa parte deste mérito se deriva da asociación cunha das principais revistas académicas neste campo Energy Economics, que publica unha selección dos traballos das e dos participantes, así como da vinculación coas e cos investigadores e grupos máis activos. 

Coa vista posta en futuras edicións, Xavier Labandeira incide na necesidade de aumentar a presenza de investigadoras e investigadores “alén do mundo desenvolvido e esperamos que sigamos contando coa colaboración e apoio de dúas institucións europeas de primeiro nivel neste ámbito: ETH Zürich e U. Münster”, detalla.