As universidades de Vigo e Santiago ofertan por primeira vez 30 prazas 

Un máster único no noroeste peninsular para afondar nos aspectos máis actuais da xenética e da xenómica

Impartirase simultaneamente nos campus de Vigo, Santiago e Lugo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigar
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/06/2018

Cunha orientación eminentemente investigadora, o vindeiro curso 2018- 2019 bota a andar o Máster Interuniversitario en Xenómica e Xenética, unha iniciativa das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, que ofrece 30 prazas nas modalidades presencial e semipresencial nos campus de Vigo, Santiago e Lugo. “É unha disciplina que non estaba axeitadamente cuberta, xa que non hai ningún máster similar en Galicia, nin nas universidades próximas, Oviedo, León ou Salamanca”, explica Paloma Morán, catedrática de Xenética da Universidade de Vigo e coordinadora, xunto á tamén catedrática de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela, Laura Sánchez, do mestrado, que está estruturado en 60 créditos, distribuídos en catro módulos, e que ten unha duración dun ano.

“O mestrado afonda nos aspectos máis actuais da xenética e da xenómica que capacitan ao estudantado para enfrontar o retos actuais destas disciplinas científicas e para seguir unha carreira académica e investigadora, xa que proporciona a formación necesaria para ter acceso aos estudos de doutoramento”, explica Paloma Morán, que incide ademais na concordancia existente entre a formación e o profesorado, integrado por profesionais da docencia e da investigación en centros públicos, como universidades, CSIC, IEO, IDIS, a Estación Fitopatolóxica Areeiro, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán ou a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Dúas especialidades con grande impacto 

A razón de incluír xenómica e xenética no mestrado responde, segundo Morán, a que son ramas da ciencia, a tecnoloxía e o desenvolvemento industrial de alto valor, ao tempo que apoian a xeración dunha bioeconomía baseada na fronteira do coñecemento, que resolverá a demanda social de solucións tecnoloxicamente innovadoras e asegurará o desenvolvemento sostible da actual sociedade.

“A xenómica e a xenética teñen un grande impacto en moitos campos da actividade: no sector produtivo primario (agroalimentario, marítimo…), a industria agroalimentaria e farmacéutica, a saúde humana, animal e vexetal, a produción industrial e o medio ambiente”, asegura Morán, que sinala estes sectores como clave para o desenvolvemento social-económico, que aposta por unha bioeconomía baseada no coñecemento e o benestar dunha sociedade, “que entende claramente o valor engadido da xenética e xenómica para o desenvolvemento social que se require actualmente”. 

En canto ao perfil de estudante ao que o mestrado se dirixe, este é, segundo a súa coordinadora, moi amplo, “xente interesada na investigación procedente de titulacións preferentes que van da Veterinaria, á Enxeñaría Forestal, pasando por Bioloxía, Medicina, Farmacia, Ciencias do Mar, Nutrición e Química”. 
O xermolo do novo mestrado, que ofrecerá 15 prazas en cada universidade , 10 presenciais e cinco semipresenciais, hai que buscalo no ano 2015, nunha reunión entre docentes das universidades de Vigo e Santiago e persoal investigador da Misión Biolóxica de Galicia. “Levamos algo máis dun ano e medio traballando na proposta, hai moito profesorado e non é doado coordinar a tanta xente, se ben hai que dicir que todos os implicados acolleron a idea con entusiasmo”, asegura Paloma Morán.