A cita celébrase do 3 ao 6 de xullo na vila ourensá

Mediaset e 'Fariña', algúns dos protagonistas do XV Curso de Medios Audiovisuais de Celanova

Tamén se estreará a curtametraxe 'Luz de Contra' feita por alumnado da Universidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 28/06/2018

A narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos e pantallas. Con este título preséntase a XV edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (Cemac), que este ano se celebra do 3 ao 6 de xullo no marco da programación de cursos de extensión universitaria do campus de Ourense. A cita conta entre os seus pratos fortes coa participación de responsables de Tele 5 e Mediaset, varias actrices e actores de Fariña e a estrea da curtametraxe Luz de Contra, feita por alumnado da Universidade de Vigo. 

A presentación do curso tivo lugar este xoves na Deputación de Ourense coa participación de representantes das diferentes institucións implicadas na iniciativa e dalgúns dos seus responsables e protagonistas. Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, subliñou como se trata “dun curso do que estamos altamente satisfeitos”, recalcando entre as súas características o feito de que ademais de profesionais da industria audiovisual conta “cun profesorado de primeira liña”. Pola súa banda, Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial, destacou que “a cooperación entre administracións e entidades, tendo como obxectivo neste caso unir a narrativa audiovisual, as artes escénicas, a creatividade e o territorio, é importante porque iso contribúe a transformar o noso patrimonio cultural en industria turística”. 

O administrador da Fundación Carlos Casares, Håkan Casares, explicou á súa vez que a implicación desta fundación no curso pretende “engarzar o legado de Carlos Casares co sector audiovisual, moi ligado á literatura”. Ademais, Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual de Agadic, destacou a importancia da formación nun sector que como o audiovisual require de permanente actualización e José Luís Ferro, alcalde de Celanova, recalcou o traballo que se realiza neste vila no eido audiovisual con diferentes iniciativas. 

Programación diversa e aberta

No acto, Paulino Pérez, director do Taller Audiovisual Celanova, plató de ficción, que forma parte deste Curso de Medios Audiovisuais, foi o encargado de dar os detalles desta edición. Dela destacou como un ano máis mesturará proxeccións con conferencias e debates nos que participarán profesionais do sector audiovisual galego e estatal, animando ao público interesado a achegarse a calquera das sesións. Entre os protagonistas deste ano destacou a Mediaset/Tele 5, coa participación de Manuel Villanueva, director xeral de contidos de Mediaset España; Félix Sabroso, director de contidos e ficción deste grupo, e Sergio G. Sánchez, director e guionista da súa produción El Secreto de Marrowbone. Do eido galego apuntou a participación da Voz Audiovisual, coa súa directora Fernanda Tabarés ao fronte; de actrices de Fariña como Mariana Carballal, Isabel Naveira e Cristina Iglesias e do actor Manuel Lourenzo e a proxección de producións galegas como Matria, entre outros aspectos.  

Como xa ven sendo tradición, o curso, que está dirixido por Miguel Anxo Fernández, rematará coa estrea dunha curtametraxe, neste caso Luz de Contra, feita por alumnado da Universidade de Vigo no marco do Taller Audiovisual Celanova, plató de ficción, e o debate con seus protagonistas. Realizada por 18 alumnas e alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra baixo a dirección do profesor Paulino Pérez, a grabación desta curtametraxe tivo lugar a pasada semana en Celanova, contando no seu elenco con tres actores e actrices que teñen xa unha recoñecida traxectoria profesional, como son Cris Iglesias, Xavier Estévez e Alicia Armenteros. Ana Campos, directora da curtametraxe, foi a encargada de falar da peza destacando como se tratou “dunha oportunidade única que nos brinda o Cemac de facer unha curtametraxe desde cero” e “o empoderamento da muller” neste proxecto, pois son maioría no equipo. Tamén explicou a directora que a curtametraxe está inspirada na obra Sol de Verán de Carlos Casares e que reflicte unha historia de soidade desde dúas visións, a dun home maior e a dunha moza cunha mente máis aberta.