A profesora de Belas Artes Mar Caldas protagoniza unha exposición no Museo Massó

Fotografías que renden homenaxe ás “facedoras” de Bueu

A mostra busca dar visibilidade a traballos feminizados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 03/07/2018

Unha “homenaxe a mulleres reais”, a mulleres que co seu traballo contribuíron ao desenvolvemento da vila de Bueu, pero que, pola contra, “reciben escaso recoñecemento” polo seu labor. Con este propósito articulou a artista e profesora da Facultade de Belas Artes Mar Caldas Facedoras de Bueu, a exposición fotográfica que actualmente se exhibe no Museo Massó desta localidade e na que traballadoras da conserva, redeiras, costureiras ou cociñeiras son retratadas no espazo público, en fotografías de gran formato que toman como referentes “obras mestras da historia da arte”.

O proxecto expositivo que desde o pasado mes de maio pode contemplarse nesta localidade partiu dunha proposta do propio Museo Massó para o realización dun proxecto fotográfico sobre o desenvolvemento de Bueu, que, como explica Caldas, “comezou a tomar forma tras observar a escaseza de homenaxes dedicados no espazo público ás mulleres”. Nese senso, esta exposición temporal naceu co propósito de pór en valor “a achega feminina nos distintos sectores laborais de Bueu, e moi especialmente no ámbito marítimo”.

Retratos no espazo público

Traballadoras das conserveiras, redeiras ou regateiras están representadas nunha exposición na que Caldas se detén en diferentes labores e profesións “feminizadas” e que, polo tanto, “reciben pouco recoñecemento fronte a aquelas tradicionalmente desenvolvidas por homes”. Nese senso a realización desta serie de retratos de gran tamaño, nos que “a iluminación e as poses evidencian o artificio, a escenificación, a teatralidade”, quixo representar tamén a profesoras, cociñeiras, limpadoras ou autónomas, así como pór en valor tamén o papel das mulleres como coidadoras, realizando neste caso a súa fotografía a un “lugar simbólico”, a un céntrico espazo de Bueu coñecido como “o parlamento”, un espazo “moi masculinizado onde a diario os homes se atopan para conversar”. 

Ademais de trasladalas ao espazo público, para esta serie de retratos nas que as mulleres amosánse “fortes, poderosas, orgullosas, donas de si”, Caldas empregou unha serie de referencias extraídas da historia da arte. Así, cadros como A Escola de Atenas de Rafael ou Un bar aux Folies Bergère de Manet foron empregados como puntos de partida para os retratos das profesoras é da cociñeira, nun proxecto no que tamén tomou como referentes varias obras de Maruja Mallo, escollidas “porque nelas a artista retrata a mulleres vigorosas e plenas, en actitudes decididas e firmes”, pero tamén polo verán que pasou en Bueu en 1936, onde tomou unha serie de apuntamentos que lle servirían, xa no exilio, para a realización de varias das súas pinturas. 

Por outra banda, as fotografías víronse complementadas na montaxe desta exposición por unha serie de obxectos funcionais que permiten achegarse tamén “ao tipo de profesión que exercían”. Redes, latas de conserva antigas, unha máquina de coser ou un pote, extraídos da “importante colección” de obxectos antigos do propio Museo Massó permitiron deste xeito sumar a unha exposición “cuns valores estéticos, reivindicativos e ideolóxicos”, unha dimensión “informativa e didáctica”, que permite nese senso achegar ao público a unha época “na que estas profesións eran aínda máis duras e precarias”.