Investigadoras da Universidade de Vigo apostan pola inmunoterapia contra o cancro máis letal

Pode unha nanovacina ser a solución fronte o cancro de páncreas?

Empregando nanoestruturas que facilitarían a activación de células do sistema inmunitario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigar
Mª del Camen Echevarría DUVI 03/07/2018

Cunha supervivencia que varía entre o 14% (estadio IA) e o 1% (estadio IV) aos cinco anos de diagnose, o de páncreas é actualmente o cancro máis letal, ao que se engade que, en moitos casos, no seu debut, xa se atopa en estadios moi avanzados, o que fai imposible a resección cirúrxica, ademais de non existir tratamentos efectivos para estas e estes pacientes. Tan só naqueles casos nos que a cirurxía aínda é posible, un 20%, confirmouse, nun 4% supervivencias de incluso longa duración, de ata máis de 10 anos. O feito de que a maioría dos cancros de páncreas presenten mutacións en xenes moi concretos, ademais dun ambiente altamente inmunosupresor, levou a pensar a un grupo de investigadoras da Universidade de Vigo, lideradas pola catedrática do Grupo de Inmunoloxía África González, que a clave na nova terapia fronte a esta enfermidade pode estar no uso da inmunoterapia, un tratamento que pretende eliminar as células tumorais usando o propio sistema inmunitario da ou do paciente. 

“Na actualidade existen diversos tipos de inmunoterapia, pero no noso caso pretendemos usar unha vacina que potencie a resposta antitumoral do paciente, para que recoñeza e ataque as células tumorais que expresan estas proteínas mutadas, xerando unha resposta efectiva e duradeira no tempo que ataque as células tumorais e preveña o seu crecemento”, explica África González, que lembra que actualmente xa existen tres vacinas para o cancro aprobadas pola Administración de Alimentos e Medicamentos de Estados Unidos (FDA) e das que a vacina da hepatite A e do papiloma si poden considerarse nanovacinas. Baixo a denominación Inmunoterapia en cancro, BIO2017-84974-R as investigadoras do Laboratorio de Inmunoloxía de Cinbio, Ana Igea, Jezabel Varadé, Rosana Simón, Amparo Martínez e Lara Diego, baixo a dirección de África González, traballarán durante catro anos e cunha achega do Mineco de 150.000 euros neste proxecto, no que tamén participarán investigadoras e investigadores do norte de Portugal.

Esperanzadas en acadar unha mellora na terapia fronte á enfermidade

O traballo previo realizado no Laboratorio de Inmunoloxía do Cinbio en nanovacinas para axentes infecciosos como hepatite B ou tuberculose, considera África Gonzalez que lles outorga a experiencia necesaria para intentar desenvolver unha vacina fronte ao cancro de páncreas, empregando nanoestruturas que permitirán e facilitarán a activación das células do sistema inmunitario, que serán quen de recoñecer e destruír o tumor. “Pretendemos combinar o uso da vacina non só con quimioterapia convencional usada en clínica, senón tamén coa alteración doutros xenes importantes para o crecemento das células tumorais do páncreas”, explica González.

As investigadoras do Cinbio lembran que ata o de agora se tratou de eliminar o cancro de páncreas cos tratamentos convencionais, como cirurxía e quimioterapia e mesmo con vacinas, pero non con nanoestruturas e “utilizar unha nanoestrutura para desenvolver unha vacina terapéutica contra o cancro de páncreas podería supoñer unha vantaxe fronte ás vacinas testadas ata o agora, con escasa eficacia terapéutica. Estamos moi esperanzadas de que con esta nova aproximación, poidamos acadar unha mellora na terapia fronte a este tipo de cancro”, asegura África González.

Como funcionan e vantaxes das nanovacinas

Nas nanovacinas empréganse substancias de pequeno tamaño (nano), onde se poden localizar, ben no interior, ou na súa superficie, elementos denominados antíxenos, que poden ser dun patóxeno, se é unha vacina para un axente infeccioso, ou de células tumorais, en vacinas de cancro. “O sistema inmunitario recoñéceo, como se fose un virus, e intenta destruílo, atacando fronte aos compoñentes que leva a nanovacina. Se se colocaron elementos propios do tumor, o sistema inmunitario comezará unha resposta fronte a eles e permitirá destruílo”, explica a catedrática, que sinala que o que se pretende é que se xeren células T citotóxicas que eliminen o tumor.

En canto ás vantaxes de usar nanovacinas, respecto ás vacinas convencionais, estarían, segundo detalla África González, a administración conxunta de antíxeno e adxuvante, que potencia a resposta, que ao estar na mesma estrutura podería favorecer que sexan internalizados á vez polas células presentadoras do sistema inmunitario. “Por outra banda, as nanovacinas poderían liberar o antíxeno de xeito gradual, diminuíndo así a necesidade facer varias inmunizacións, ao tempo que permiten atravesar barreiras biolóxicas, o que abre a posibilidade de inmunizar mediante novas vías, como sería a intranasal, evitando o uso de agullas”, sinala a directora de Cinbio, que engade a estas vantaxes a súa funcionalización para dirixilas ás células diana, ou incluso que poidan viaxar directamente aos ganglios linfáticos, debido ao seu tamaño nanométrico, onde ten lugar a presentación antixénica e a resposta inmunitaria específica.