O Instituto de Bioenxeñería en Envellecemento Saudable celebrou as súas IV xornadas 

Iberos presenta os seus avances en cancro, neuroloxía e doenzas do aparello locomotor e sistema vascular

En Lugo expuxéronse dez dos proxectos que se están a desenvolver 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigar
DUVI 11/07/2018

O Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) presentou hoxe en Lugo de dez dos seus proxectos nos que colaboran grupos de investigación galegos e do Norte de Portugal. Os avances expostos co gallo das IV xornadas que celebra o instituto céntranse en abordaxes innovadoras sobre o cancro e as doenzas neurolóxicas, do aparello locomotor e do sistema vascular, todas elas desde a óptica do envellecemento.

O Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo presentou un proxecto que ten o ácido poliláctico como protagonista. Tal e como se expuxo na xornada celebrada no Club Fluvial de Lugo, as e os investigadores están a desenvolver métodos de esterilización para os dispositivos cirúrxicos fabricados a partir deste ácido que evitan o dano que as técnicas convencionais (como a radiación gamma ou o autoclave) exercen sobre el, dado estes materiais que non resisten temperaturas elevadas. Pola súa banda, e tamén baseado no ácido poliláctico, o Grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria da USC, do campus de Lugo, presentou a experiencia clínica obtida en modelos animais cun novo tipo de implantes impresos en 3D a partir do citado ácido, que presenta dúas vantaxes: é compatible co organismo e é biodegradable. Isto último implica que, ao contacto cos fluídos corporais, van desaparecendo co tempo cando a lesión está xa curada, fronte á permanencia dos implantes metálicos convencionais. O reto agora é trasladar esta experiencia á práctica clínica en humanos, para o que o grupo iniciará a colaboración con outros investigadores de Iberos.

Tamén no eido das enfermidades relacionadas co aparello locomotor, o Grupo I+D Farma da USC presentou as súas formulacións para administración intra-articular capaces de controlar e diminuír o proceso inflamatorio asociado á artrose, unha das doenzas máis comúns entre a poboación envellecida.

Os compostos de orixe natural son un recurso que está a ser amplamente explorado pola comunidade científica no tratamento de doenzas do aparello locomotor. É o caso do Instituto de Engenharia Biomédica de Porto, que está a modificar hidroxeles procedentes de polímeros de orixe natural para facelos máis eficientes na rexeneración de tecidos danados. E tamén do Grupo de Reciclado e Valorización do Instituto de Investigacións Mariñas, que parte de subprodutos da industria alimentaria para obter biopolímeros, probióticos e péptidos bioactivos, de gran valor terapéutico neste tipo de enfermidades.

A investigación que completou o bloque relativo ás doenzas músculo-esquelético na xornada foi a da Universidade Católica Portuguesa-Centro Rexional do Porto, relativa ao desenvolvemento dunha innovadora membrana de seda para o control dos radicais libres que interfiren no tratamento de feridas crónicas.

Novos sensores e materiais

Os proxectos de Iberos presentados en relación ao cancro e ás doenzas neurolóxicas e do sistema vascular teñen un foco importante nas novas ferramentas de diagnose e control de procesos celulares.  A Universidade de Vigo a través do Grupo de Química Coloidal, céntrase en desenvolver nanopartículas capaces de controlar procesos celulares a través da luz, mentres que o Grupo de Química Coloidal, procede a investigación centrada en desenvolver nanopartículas capaces de controlar procesos celulares a través da luz.

Pola súa  banda, o Instituto Superior de Engenharia do Porto desenvolve novos sensores de baixo custo que permitirán obter dispositivos desbotables para unha detetección rápida do cancro, mentes que reforzando a potencialidade dos subprodutos mariños que exploran no Instituto de Investigacións Mariñas, na Universidade do Minho traballan con coláxeno obtido de especies mariñas para desenvolver novos materiais biomédicos capaces de estimular a rexeneración da córnea, un fito especialmente importante tendo en conta que as doenzas dexenerativas desta membrana ocular lle afectan a 10 millóns de persoas en todo o mundo e son a cuarta causa de cegueira.

A xornada contou tamén coa participación da xestora de proxectos do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) Loli Pereiro, que compartiu cos investigadores de IBEROS a situación actual do tecido produtivo galego do sector bio.

Iberos, que naceu co apoio do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (Poctep) da Unión Europea, conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros ata 2020 para que os seus 152 membros compartan coñecemento e desenvolvan proxectos conxuntos. Nel intégranse 13 grupos de investigación das Universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (Uvigo), Minho e Católica Portuguesa-Centro Rexional do Porto; do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC; do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC); do Instituto de Engenharia Biomédica e do Instituto Superior de Engenharia do Porto.