Celebrouse este xoves na Ecimat

O reloxo biolóxico do rodaballo centra o último Café con Sal deste curso

Impartiu a charla a investigadora do Laboratorio de Fisioloxía de Peixes Rosa Ceinos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 12/07/2018

O reloxo biolóxico do rodaballo centrou este xoves o último Café con Sal deste curso. A charla tivo lugar no salón de actos da Ecimat e encargouse de impartila a investigadora do Laboratorio de Fisioloxía de Peixes Rosa Ceinos, que afondou na súa intervención na posibilidade de que os compoñentes claves no reloxo biolóxico do rodaballo sexan regulados pola luz e/ou o alimento.

A charla iniciouse explicando o caso do peixe cova de Somalia, unha especie que evolucionou durante tres millóns de anos baixo as extremas condicións do deserto de Somalia e que, segundo demostraron xa múltiples estudos, posúe un fenotipo troglomórfico, incluíndo un reloxo biolóxico aberrante. “Estudando os compoñentes claves deste reloxo descubriuse que avanza con períodos extremadamente longos”, subliñou a investigadora, ao tempo que fixo fincapé en que o principal motivo de que isto se produza é que perdeu a capacidade de ser sincronizado pola luz. Non obstante, si presenta ritmos de 24 horas moi robustos cando se sincroniza coa hora da alimentación, “o que evidencia a existencia de, cando menos, dous reloxos ou osciladores nos peixes, un regulado pola luz e outro pola alimentación”.

A investigación sobre o reloxo biolóxico do rodaballo forma parte do proxecto Unraveling multiple clock mechanisms in vertebrates, co-financiado pola Xunta de Galicia e a Unión Europea. Desenvolto os dous primeiros anos  no Instituto Tecnolóxico de Karlsruhe (Alemaña), dentro do grupo de investigación liderado por Nick Foulkes e o Departamento de Bioloxía e Evolución da Universidade de Ferrara (Italia) en colaboración con Cristiano Bertolucci. Desde 2016, Rosa Ceinos forma parte do grupo de Fisioloxía de peixes da Universidade de Vigo, liderado polos investigadores José Luis Soengas e Jesús Míguez.

O ciclo retomarase o 27 de setembro

O ciclo de conferencias abertas Café con Sal vense desenvolvendo na Ecimat desde o ano 2011 co obxectivo de ofrecer un punto de encontro entre comunidade investigadora, alumnado e profesionais do sector do mar co fin de compartir coñecemento, xerar debates e novas ideas que sirvan de xerme de posibles colaboracións.

Tras a sesión deste xoves o ciclo fará un parón estival. As actividades retomaranse o vindeiro 27 de setembro coa charla Response of bacterioplankton to anthropogenic nutrient enrichment in a dynamic coastal system: ría de Vigo a cargo de Alberto Gutiérrez Barral, estudante de doutoramento do grupo de Oceanografía Biolóxica.