As profesoras Paz Diéguez e Dolores Rodríguez participaron na elaboración dunha guía de coidados

Docentes da EU de Enfermaría achegan ás mariscadoras boas prácticas en materia de saúde

Nunha iniciativa dos grupos de acción local do sector pesqueiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 04/09/2018

Unha serie de recomendacións dirixidas a orientar ás mariscadoras na adquisición de rutinas saudables para o desenvolvemento da súa actividade reúnense na Guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras, un panel promovido polos grupos de acción local do sector pesqueiro ao abeiro do proxecto Candieira. Unha guía que é o resultado das sesións de traballo que, co propósito de definir os seus contidos, un grupo de mariscadoras da Ría de Pontevedra desenvolveu co asesoramento de Paz Diéguez e Dolores Rodríguez, profesoras da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á Universidade de Vigo, así como da fisioterapeuta do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Eva Rosales.

A iniciativa das mariscadoras do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Ría de Pontevedra, ao abeiro do programa Aliadas, da Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira, presentouse este mércores en Reiboa (Poio), nun acto que contou coa participación de Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia; Laura Nieto, coordinadora de Candieira e xerente do Galp Ría de Pontevedra; Ángela García, presidenta da Agrupación de Mariscadoras San Telmo de Pontevedra; Marina Buceta, representante da asociación cultural Mulleres do Mar de Poio e vicepatroa da Confraría San Telmo de Pontevedra Marina Buceta, e da enfermeira e antropóloga Paz Diéguez, subdirectora da EU de Enfermaría. Tanto Diéguez como a tamén docente e especialista en obstetricia Dolores Rodríguez e Eva Rosales encargáronse de prestar asesoramento técnico a esta iniciativa ao longo de todo un proceso que abrangueu, segundo explica Candieira, “varias sesións de traballo teórico e práctico co fin de definir a guía e producir o material gráfico que ilustra o panel informativo”.

“Os consellos nunca foron fáciles de encaixar na vida das mariscadoras, pero agora estades non só en condicións de aplicalos, senón tamén de transmitilos”, lembrou a estas profesionais Paz Diéguez no acto de presentación desta guía. Tanto Diéguez como Rodríguez García atópanse desenvolvendo ademais as súas teses de doutoramento no programa do Campus do Mar, centradas en ambos casos nas mulleres do mar, motivo polo que entraron en contacto con Candieira. “O noso camiño cruzouse co das mariscadoras e descubrimos que tiñan moitas gañas de facer, de aprender”, salientou Diéguez do punto de partida dunha colaboración que levou a estas dúas docentes a brindarlles "apoio técnico e profesional", de cara a definición dunha guía de "consellos prácticos que poden mellorar o seu benestar". 

Consellos e exercicios de fácil execución

Dirixido a achegar ás mariscadoras dunha serie de consellos, coidados e exercicios básicos, pensados para a súa aplicación antes de saír o mar, durante as horas de marisqueo e de volta á casa, o panel desenvolvido nesta iniciativa recolle unha serie de recomendacións en materia de alimentación, protección da pel e seguridade física, así como unha táboa de exercicios para estirar e previr lesións en brazos, pernas, pescozo, tronco e na zona lumbar. Nese senso, a guía é o resultado dun programa de formación e fomento do asociacionismo, Aliadas, “que busca reforzar a gobernanza das mulleres nas comunidades costeiras” e no que o traballo das mariscadoras da zona do Galp Ría de Pontevedra partiu da identificación das doenzas máis frecuentes que padecen as traballadoras do sector pesqueiro e extractivo.

As doenzas reumáticas, as lesións articulares, na columna vertebral e as derivadas do levantamento de pesos son as máis recorrentes entre as mulleres do mar, como lembra Candieira, debido ás súas condicións de traballo, máis, como sinalou Diéguez nesta presentación, tamén é preciso que as e os profeisonais da saúde tomen conciencia que “as mariscadoras están tamén sometidas a moita presión emocional”.