Segundo o último informe de conxuntura do Foro Económico

Galicia mingua o seu ritmo de crecemento

O documento tamén analiza o ‘quebracabezas’ tributario autonómico

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 13/09/2018

Tras dez trimestres consecutivos con taxas de crecemento interanuais iguais ou superiores ao 3%, a economía galega amosa no segundo trimestre de 2018 unha medra do 2,8%, segundo se desprende da contabilidade rexional publicada polo Instituto Galego de Estatística. Esta ralentización é unha das conclusións do III Informe de Conxuntura Socioeconómica do Ano 2018, realizado polo Foro Económico de Galicia.

A presentación deste informe tivo lugar este xoves no Centro Social Abanca de Santiago de Compostela. Coordinado por Fernando González Laxe, o documento está asinado tamén por José Francisco Armesto, Patricio Sánchez e Santiago Lago. Nesta ocasión, xunto coa análise das contas económicas do segundo trimestre do ano e a síntese estatística dos indicadores de conxuntura, o traballo compleméntase cun comentario titulado Galicia no quebracabezas tributario autonómico, elaborado por María Cadaval.

Demanda e emprego

Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, o crecemento do 2,8% supón tres décimas menos que o primeiro trimestre, se ben o PIB galego segue a medrar por riba da media española (2,7%) e da Unión Europea (2,2%). “Xunto coa súa ralentización, este crecemento agregado do PIB amosa un cambio relevante fronte ao acontecido nos anos anteriores”, subliñan os expertos da entidade, coordinada polo Grupo Gen (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo. No segundo trimestre esta evolución do PIB, sinálase no documento, “ven explicada pola achega da demanda interna”. Así, detallan desde o Foro Económico, a significativa contribución da demanda interna, que se sitúa en 3,0 puntos, o valor máis elevado dende o terceiro trimestre de 2007, pode considerarse como un dos aspectos máis salientables. “Por contra, a achega da demanda externa en Galicia foi negativa, detraendo dúas décimas o crecemento do PIB, aspecto que non acontecía dende finais de 2012”, matizan no informe.

Por último, no que ao mercado de traballo se refire, o documento presentado este xoves sinala que “os seus grandes agregados manteñen unha tendencia positiva atendendo tanto ao maior dinamismo no proceso de creación de emprego como á caída do desemprego, especialmente significativo no caso do paro de longa duración”.

Mapa tributario autonómico

Polo que respecta ao ‘quebracabezas’ tributario autonómico, a autora da análise incluída neste informe indica que se “converteu nunha maraña de pezas que debuxan un sistema complexo, pouco claro para o contribuínte e, moitas veces, sen a eficiencia recadatoria que se require”. Así, detalla, "máis de 200 deducións fiscais no tramo autonómico do IRPF, as notables diferenzas no tratamento fiscal das herdanzas ou o patrimonio, uns tributos propios que avanzan a paso lixeiro cara ao centenar, debuxan un horizonte de ruptura da neutralidade impositiva, que deixa paso á distorsión que incentiva aos individuos a realizar cambios de residencia, ás veces ficticio, por motivos fiscais".

Na súa achega ao informe, María Cadaval conclúe que, comparativamente, a tarifa autonómica do IRPF en Cataluña esixe un elevado esforzo fiscal ás rendas baixas, mentres Madrid é a comunidade que exerce menor presión fiscal sobre os seus cidadáns. Valencia ou Estremadura serían as que máis gravan ás rendas altas e Galicia instálase nun chanzo intermedio, cun tratamento fiscal máis favorable aos niveis baixos de renda. Á vista do exposto, a autora sinala que “é evidente que reformar o sistema de financiamento non é unha opción, é unha obrigación. Faise preciso rebaixar a tensión que xeran os tratamentos fiscais diferenciados ante feitos impoñibles semellantes”. Os cidadáns, recalca, demandan xestión compartida e un tratamento horizontal homologable, lonxe do actual no que conviven autonomías que espremen ao máximo a súa capacidade impositiva, como Cataluña, Andalucía ou Cantabria , con outras que gravan ao mínimo aos seus contribuíntes, como Madrid ou Castela A Mancha. Galicia, indica, “exerce unha presión fiscal media ou baixa, segundo o caso, xeralmente inferior á media”.