O equipo iniciou este xoves os seus adestramentos

O Club Natación Escualos Campus da Auga afronta unha nova tempada co obxectivo de seguir medrando

Aos seus 40 nadadores e nadadoras súmanse varias incorporacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 14/09/2018

A piscina universitaria AQA Ourense foi o escenario escollido polo Club Natación Escualos Campus da Auga para iniciar este xoves oficialmente a tempada 2018/2019 coa realización dunha foto de equipo e cun primeiro adestramento conxunto ao que asistiron boa parte dos seus membros.

Desde o equipo sinalan como, xa coa mente posta na primeira xornada da liga galega, que terá lugar o 28 de outubro, “arrincamos un novo curso aspirando a todo e co obxectivo de mellorar o noso sexto posto na liga galega, quinto posto no Campionato Galego do 2018 e revalidar o título do Circuíto de Augas Abertas no que a falta dunha proba estamos a pelexar”. Para acadar estes obxectivos o club indica que ten “varias incorporacións que nos farán máis fortes de cara ás competicións e que se sumarán aos case 40 nadadores que forman o equipo”.

O adestrador seguirá sendo Hugo Nogueira e o equipo conta unha vez máis co apoio do tanto de AQA Ourense como do campus de Ourense, traballando na formación dun equipo universitario de natación. “As ilusións e as ganas de seguir medrando son máximas”, subliñan desde a entidade.