A través da cuarta edición do curso complementario ‘Técnicas manipulativas en extremidades’

Fisioterapia amplía a formación en manipulacións con impulso de alumnado e titulados

Impartido polo fisioterapeuta Pablo Hernández

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI Pontevedra 18/09/2018

Escordaduras, subluxacións, síndrome subacromial ou neuralxias son algunhas das patoloxías fronte ás que as técnicas manipulativas, a aplicación dun impulso rápido e indoloro co propósito de restaurar a mobilidade dunha articulación, “se converten nunha ferramenta rápida e eficaz”, como sinala o fisioterapeuta Pablo Hernández, responsable do curso que, un ano máis, busca complementar á formación de estudantes e titulados en Fisioterapia respecto da aplicación destas técnicas específicas. Dirixido polo profesor Gustavo Rodríguez, o curso complementario Técnicas manipulativas nas extremidades desenvolverá a súa cuarta edición nesta facultade do campus pontevedrés entre este venres 21 de setembro e o 7 de outubro. 

Xurdido a raíz da propia demanda do alumnado dunha formación específica neste eido, o curso que mantén aberta a súa preinscrición na plataforma Bubela mantén nese senso “a estrutura xeral” das anteriores edicións, como recoñece Rodríguez Fuentes, xa que “a verdade é que os asistentes quedaron bastante contentos coa formación recibida, polo que os contidos non variaron, nin tampouco a carga horaria”. De 40 horas de duración e aberto tanto a estudantes de Fisioterapia de segundo curso en diante como a titulados e tituladas, a docencia correrá a cargo un ano máis de Pablo Hernández, fisioterapeuta da empresa Serviocio, profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo e máster en técnicas osteopáticas no aparello locomotor.

Valoración e precisión

“A manipulación articular con impulso é una manobra que a través dun movemento corto e rápido” pretende estimular o sistema nervioso e “restaurar a mobilidade normal nun determinado segmento”, explica Hernández Lucas da técnica que centra este curso e que é especialmente empregada en “casos de lesións traumáticas, conseguindo unha grande evolución para os pacientes”. Mais, como subliña este fisioterapeuta, o uso das técnicas manipulativas require dunha “precisión analítica” para a que necesario “ter unha base en anatomía e biomecánica que nos garanta poder levala a cabo con seguridade e sempre cunha boa valoración previa do noso paciente”.

De aí que o programa deste curso combine unha serie de módulos teóricos introdutorios sobre fisioloxía das manipulacións, os conceptos de hipo e hipermobilidade e indicacións e contraindicacións das manipulacións con impulso cunha serie de módulos prácticos específicos nos que a abordar a valoración, a biomecánica e os posibles casos clínicos relativos á cintura escapular, o cóbado, o pulso e a man, o pé, o xeonllo e a cadeira.