O xefe de Coordinación Terminolóxica do Parlamento Europeo ofreceu un relatorio na FFT

Unha terminoloxía común e coherente que fai posible aplicar os mesmos actos xurídicos nos estados da UE 

Rodolfo Maslias reivindicou o papel dos profesionais da tradución no organismo europeo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Camen Echevarría DUVI 18/09/2018

Máis de 2.300.000. Este é o número de páxinas que no ano 2017 se traduciron no Parlamento Europeo, o órgano da UE do que emanan leis que logo se traspoñen á lexislación de cada un dos 28 países que a integran e execútanse nas 24 linguas empregadas neses estados membros. “A tradución está presente en cada paso do proceso lexislativo na UE: desde o primeiro proxecto, que elaboran as e os expertos da Comisión, pasando por todas as negociacións entre os departamentos nacionais, o Consello e o Parlamento, ata o acto xurídico final, que se vota en cada parlamento nacional e logo se converte en ‘lei orixinal”, explica Rodolfo Maslias, xefe de Coordinación Terminolóxica do Parlamento Europeo, que este mediodía ofreceu un relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución, centrado na terminoloxía e tradución na institución europea e no que tamén se referiu á Inter-Active Terminology for Europe (IATE), a ferramenta interinstitucional europea de xestión terminolóxica. 

Na súa conferencia, organizada pola facultade e o grupo de investigación Bifega, Maslias incidiu na importancia da cooperación entre as institucións europeas no ámbito da terminoloxía, “unha cuestión moi importante para nós porque a lexislación común europea tradúcese en 24 idiomas e ten que ter unha concordancia absoluta e iso quere dicir que os textos traducidos son textos orixinais, leis europeas, que se converten en leis nacionais”, explica o xefe de Coordinación Terminolóxica do Parlamento Europeo. Con máis de 5000 profesionais da tradución nunha decena de institucións, Maslias refírese á UE como “a máquina lingüística máis grande do mundo”, unha estrutura na que se integra a dirección xeral da tradución formada por 24 unidades con 30 tradutoras e tradutoras cada unha, que se ocupan da terminoloxía. “A nosa unidade, formada por 10 persoas, encárgase da coordinación do traballo dunha rede de 120 terminólogos nos 24 idiomas da UE e coordinamos o seu labor para meter a terminoloxía en IATE”, unha base de datos con máis de 11 millóns de termos en 24 linguas, o que a converte no repositorio multilingüe máis grande do mundo, que cubre máis dun cento de ámbitos da lexislación europea, explicou Maslias nun ateigado salón de actos da facultade.

O importante papel da terminoloxía 

Ao aplicar aos mesmos actos xurídicos en todos os estados e en todas as linguas da UE, cómpre que os conceptos lingüísticos fundamentais se entendan do mesmo xeito en todas partes, de aí a necesidade dunha terminoloxía común e coherente. “Se un campesiño ten un problema na súa aldea coa súa produción por causa dunha directiva europea pode ir ao tribunal da súa circunscrición e chegar ata o Tribunal Europeo. Se hai un problema na pesca aquí en España con Francia e Inglaterra e moitas veces hai xuízos sobre métodos de pesca e van o Tribunal Europeo, se as traducións son erróneas non se pode aplicar a lexislación europea”, explicou o xefe de Coordinación Terminolóxica do Parlamento Europeo para poñer en valor a importancia do papel da terminoloxía. 

Maslias tamén se referiu na súa intervención ás denominadas “linguas pivote”, así como ao predominio no uso do inglés nas institucións europeas, a excepción do Tribunal de Xustiza. “Desde a ampliación masiva más recente da UE, volveuse imposible, por motivos prácticos, empregar as 552 combinacións de linguas que se tería que utilizar en pé de igualdade para aplicar sen limitacións o regulamento número 1”, explicou o tradutor, que leva preto de 40 anos exercendo o seu labor no Parlamento Europeo e que xustifica deste xeito que a maior parte dos textos se traduzan primeiro ao inglés, francés e alemán (“linguas pivote”), co fin de que se poidan usar estas traducións como orixinais para traducir cara outras linguas.

O futuro da profesión pasa pola especilización

Rodolfo Maslias, que tamén se referiu na súa intervención a posibles vías de colaboración entre a Facultade de Filoloxía e Tradución e o Parlamento Europeo, non agochou as dificultades que neste intre implica acadar un posto de traballo nesta institución europea, na que as e os aspirantes deben coñecer dous idiomas, sen contar o materno. “É moi difícil traballar no Parlamento Europeo. Cando eu entrei hai case 40 anos eramos 330 candidatas e candidatos para 30 postos e pensabamos que era difícil. Na última oposición había 8000 aspirantes para cinco postos”, explica o xefe de Coordinación Terminolóxica, que anima ao alumnado a apostar pola especialización, nomeadamente en ámbitos como a lingüística computacional e mesmo a terminoloxía.