Retómase, tras o parón estival, o ciclo de conferencias de temática mariña

Os cafés na Ecimat volven servirse ‘con sal’

A charla correu a cargo de Alberto Gutiérrez, do grupo de Oceanografía Biolóxica

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 27/09/2018

Tras o parón estival, este xoves retomouse na Ecimat o programa Cafés con Sal, o ciclo de conferencias abertas sobre temas de investigación mariña que se ven desenvolvendo no centro desde o ano 2011, e fíxoo coa intervención do estudante de doutoramento Alberto Gutiérrez, que impartiu a charla Response of bacterioplankton to anthropogenic nutrient enrichment in a dynamic  coastal system: Ría de Vigo.

Gutiérrez, adscrito ao grupo de Oceanografía Biolóxica, tivo durante a charla a oportunidade de presentar de xeito breve os resultados acadados ata o momento na súa tese, investigación que ten como principal obxectivo identificar os taxóns procariotas do plancto que responden ás variacións de nutrientes achegados polos ríos e pola deposición atmosférica, describir as súas respostas en diferentes estacións e crear un modelo preditivo que permita predicir como variará a estrutura da comunidade procariota en función do futuro incremento de nutrientes na costa. 

A próxima cita do ciclo Café con Sal será o vindeiro 18 de outubro e correrá a cargo do investigador do grupo de Ecoloxía Costeira Pablo Heres, que impartirá a charla Comparative cryopreservation of molluscs.