A cita celebrarase do 25 ao 27 de outubro en Ourense

O III Congreso Internacional da Auga contará con 80 comunicacións e pósters de investigadores de oito países

Nesta edición o eixe temático será a historia, a arqueoloxía, a xeografía e a arte

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Arte
  • Divulgación
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 05/10/2018

“Abordar a temática da auga desde a perspectiva da historia, a arqueoloxía, a xeografía e a arte en diferentes territorios e sociedades”. Con este obxectivo presentouse este venres o III Congreso Internacional da Auga, organizado no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A cita, que se celebrará do 25 ao 27 de outubro, terá nesta edición como lema Auga, sociedade e territorio e durante os dous días de sesións que contempla a programación exporanse 80 comunicacións e pósters de expertos e expertas procedentes de oito países.

A organización deste terceiro congreso bianual, que conta co patrocinio do Concello de Ourense e a Deputación de Ourense, corre a cargo da Facultade de Historia do campus e de membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Geaat, da Universidade de Vigo, tendo como coordinadoras a Susana Reboreda, decana desta facultade, e a Silvia González, investigadora Torres Quevedo do Geaat.

Sociedade, territorio e auga

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Susana Reboreda e Silvia González, coordinadoras do congreso, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, foron as e os encargados de presentar o evento. “Esta é unha das actividades máis importantes, unha das actividades estrela, do noso campus de especialización que é o Campus da Auga”, subliñou a vicerreitora durante a súa  intervención. Esther de Blas amosou a súa satisfacción “polo éxito de inscrición xa acadado” e a súa confianza en que “sexa tamén un éxito de participación”. Pola súa banda, Rosendo Fernández destacou como “estamos ante un congreso importante” tendo en conta o feito de que “se hai un elemento que identifica o territorio, xa sexa por cantidade, por calidade ou por riqueza, en Ourense provincia ese é a auga”.

Sobre a cita, Susana Reboreda recalcou como este congreso “está cheo de retos”, agradecendo entre outros aspectos a implicación do profesorado da Facultade de Historia na programación e o apoio recibido das entidades que financian a actividade. A coordinadora apuntou como desde a organización estiman que a cifra de asistentes ascenderá a arredor de 120 persoas, ademais do alumnado da propia facultade. Pola súa banda Silvia González destacou como a programación do congreso foi deseñada co obxectivo de afondar, dun xeito interdisciplinar, “na relación da sociedade e do territorio cun ben esencial como é a auga”. Tamén poñen o aceno desde a organización no feito de acadar a participación de investigadores e investigadoras de oito países, como son España, Portugal, Francia, Italia, Alemaña, República Checa, Colombia e Arxentina.    

Do pasado ao presente

Segundo se explicou na presentación do III Congreso Internacional da Auga, serán catro os bloques temáticos paralelos que se abordarán durante a cita, os dous primeiros o día 25 e os dous seguintes o día 26 de outubro. O primeiro deles estará centrado na arquitectura e sistemas de captación de auga desde a prehistoria ata a época medieval. A conferencia inaugural deste bloque, titulada The interplay of Saharan and Roman water-supply technologies in North Africa: foggaras and aqueducts, será ofrecida por Andrew Wilson, profesor do Institute of Archaeology da University of Oxford. O segundo bloque do congreso achegarase á arquitectura da auga e ao territorio na época moderna, co obxectivo de ofrecer un marco para abordar o estudo, documentación e revalorización deste patrimonio. Neste caso a conferencia inaugural, De cantería e fontanería: Gonzalo de la Bárcena, un mestre de fontes de Felipe II en Asturias (1570-1597), será impartida por Cristina Heredia, doutora en Historia da Arte da Universidad de Oviedo.

Outro dos grandes eixes temáticos do congreso será a arqueoloxía das paisaxes fluviais tendo en conta como “ao longo da historia, os vales fluviais funcionaron como elementos básicos na articulación do hábitat, na explotación dos recursos primarios e como medio preferente de comunicación entre as zonas interiores e costeiras”. Manuel Martín-Bueno, catedrático de Arqueoloxía da Universidad de Zaragoza, será o encargado neste caso de dar a conferencia inaugural, titulada Cursos fluviais: algo máis que auga. Por último, o cuarto bloque temático abordará a protección e xestión da auga na actualidade ante a idea de que “a importancia da auga no momento presente fai necesario un exercicio de reflexión e debate sobre diversos aspectos relacionados coa súa protección e xestión”. A conferencia inaugural será neste caso Water quality over the Longue duree, the expression of the complex and evolving relations between societies and river basins, a cargo de Michel Meybeck, da University of Paris 6. A programación rematará para as e os participantes cun percorrido o día 27 por enclaves de interese histórico e xeográfico de Ourense, como o mosteiro de San Pedro de Rocas, o xacemento de San Victor de Barxacova e a Ribeira Sacra.

Sesión paralela

Durante a presentación celebrada este venres na Facultade de Historia, tamén se salientou como na programación do congreso terá lugar unha sesión paralela titulada Valorización do turismo termocultural no Camiño Miñoto, organizada no marco do proxecto europeo transfronteirizo Interreg España-Portugal Raia Termal, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Deputación de Ourense, a Câmara Municipal de Terras de Bouro e a Câmara Municipal de Melgaço.