O Máster en Xestión de Desenvolvemento Sostible entregou o 6º premio Eva Pérez

O papel clave da muller nun planeta superpoboado, no que a paz e a liberdade están en xogo

O presidente da Fundación Juana de Vega falou de sostenibilidade e sociedade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Mª Carmen Echevarría DUVI 10/10/2018

Evaluación de la eficiencia de nuevos desemulsionantes en la valorización de residuos Marpol é o título do Traballo Fin de Mestrado co que a bióloga Elisa Graña gañou o 6º premio Eva Pérez o mellor TFM do Máster en Xestion de Desenvolvemento Sostible. O galardón, que homenaxea á estudante do mestrado Eva Pérez, falecida no accidente ferroviario de Angrois en 2013, entregouse este mediodía nun acto celebrado na sala I do Edificio Miralles, na que o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, ofreceu unha conferencia titulada Sostenibilidade e sociedade, na que apelou á responsabilidade das e dos consumidores e incidiu no protagonismo das mulleres “nunha sociedade moi complexa”. Pola súa banda, María Consuelo Pérez, vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, destacou na súa intervención a vocación da institución académica de acompañar o seu alumnado “non só durante a vosa etapa formativa básica, senón tamén unha vez finalizada esta”, mentres que Jordi Vich, representante de Naturgy, lembrou a implicación da empresa co mestrado, asegurando que a “sostibilidade está totalmente ligada á nosa actividade, xa que sen ela non poderiamos desenvolver a nosa función na sociedade”. 

Xavier Labandeira, director da Cátedra Fenosa, xunto Juan Añel, e Pilar Piñeiro, coordinadora do mestrado, destacaron a calidade do traballo de Elisa Graña, ao que se referiron como “brillante e rigoroso, ao tempo que destacamos a súa capacidade de combinar a parte ambiental e económica”. Piñeiro, tamén eloxiou o TFM de Brais Suárez, Cálculo del impacto ambiental asociado al consumo de agua embotellada en la Universidade de Vigo, que fora galardoado na pasa edición do premio e que hoxe o recolleu o autor, destacando a “súa utilidade práctica”. A coordinadora do mestrado defendeu a “aplicabilidade práctica para o acceso ao mercado laboral do mestrado”, no que preto dun 80% das súas os seus titulados están a traballar directa ou indirectamente en cuestións relacionadas coa sostibilidade.

A muller, clave para a mellora dunha sociedade moi complexa

O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, situou á muller no centro da súa intervención, na que baixo o título Sostenibilidade e sociedade, alertou das consecuencias dun consumo desmesurado nun planeta superpoboado e no que “a paz e a liberdade están en xogo”. Unha sociedade na que cada vez hai máis poboación con cartos e na que o consumo non para de incrementarse, son segundo Saéz dous dos principais problemas que neste intre enfronta a humanidade “que por primeira vez pode morrer de éxito: sen auga doce, sen árbores…”.

Para o presidente da Fundación Juana de Vega “a muller é clave na mellora da sociedade e a súa educación e nivel de autonomía arranxarán moitas cousas” nunha sociedade, que definiu como moi complexa e na que se está a producir un proceso de radicalización, impulsado, asegurou, polas redes sociais e no que as clases medias se debilitan. “Aparecen entón movementos que pensan que a democracia non é necesaria. A paz e a liberdade están en xogo e as mulleres son as que teñen máis riscos”, advertiu Sáez, que rematou a súa intervención apelando á responsabilidade das e dos consumidores, que considera deben reflexionar e facer valer a súa forza.

Novos desemulsionantes e impacto ambiental do consumo de auga embotellada

Doutora en Bioloxía pola Universidade de Vigo, Elisa Graña decidiu cursar o Máster en Xestion de Desenvolvemento Sostible, “coa idea de abrir novas portas cara o mercado laboral”, no que agora desenvolve a súa actividade como bióloga especialista en medio ambiente, concretamente na empresa Tragsa. “O meu proxecto, dirixido polas docentes Belén Trabazo e Pilar Piñeiro, consistiu en probar diferentes desemulsionantes recén aparecidos no mercado, en combinación con temperaturas e concentracións de traballo máis baixas que as que se estaban a usar naquel momento na planta. O material de partida foi residuo Marpol I (unha mestura de hidrocarburos usados e outros restos de hidrocarburos que producen e acumulan os buques nas súas operacións habituais) que a propia empresa xestiona no porto, onde os buques baleiran as súas sentinas”, explica Graña. Como conclusión do seu traballo, desenvolvido  no laboratorio da empresa Codisoil S.A. Marpol Services, que ten a súa planta de reciclaxe no porto de Marín, a bióloga destaca que “os desemulsionantes foron probados a temperaturas e concentracións menores, pero soamente funcionou a baixada de temperatura, a concentracións menores perdían eficacia e desafortunadamente non poido ser”, explica Graña, que considera este galardón “un recoñecemento ao traballo ben feito e ao tempo empregado”.

Pola súa banda, Brais Suárez, agradeceu o galardón outorgado o seu TFM , dirixido polos docentes Emilio Fernández e Gonzalo Méndez, e puxo o acento no informe feito público esta semana polo IPCC segundo o que cómpre reducir a cero as emisións á atmosfera en 2050 se se pretende manter a temperatura global en 1,5ºC. “Debemos ter moito ollo coa advertencia do IPCC”, dixo Suárez, que apelou ao poder das e dos consumidores “e de todo o que podemos facer no día a día, sobre todo a nivel de educación e sensibilización dos que están o noso arredor”, dixo.