Fernando Díaz explicou no campus o traballo que realiza neste eido no CSIC

Os últimos avances en quimioterapia contra o cancro chegan á Facultade de Ciencias

Entre as liñas de traballo do seu grupo está a busca de novos e máis eficaces fármacos

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/10/2018

A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este xoves a conferencia Quimioterapia dirixida contra tubulina, unha historia do poder da natureza, ofrecida por Fernando Díaz, investigador do Centro de Investigaciones Biológicas (CSIC), de Madrid, e director dun grupo de investigación que estuda os mecanismos de modulación dunha das dianas máis importantes para a quimioterapia de procesos tumorais.

Aclarando conceptos

Durante a súa conferencia, organizada polo Grupo EQ2, do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, o experto en quimioterapia de cancro abordou para as e os asistentes o nacemento da quimioterapia, a evolución histórica no caso da quimioterapia de cancro e as liñas emerxentes de investigación neste eido. O experto arrancou a súa intervención explicando un concepto básico no seu campo de intervención como é o de quimioterapia. Así, aclarou que aínda que popularmente a palabra quimioterapia está asociada ao tratamento contra o cancro en realidade abrangue ao tratamento de todo tipo de enfermidades. “Quimioterapia non é só o tratamento do cancro, é practicamente o tratamento para todas as enfermidades. Cando tes unha dor de cabeza e tomas unha aspirina, iso é quimioterapia. A quimioterapia definímola como o emprego dunha substancia química para matar un invasor no corpo do paciente, sexa o invasor un virus, unha bacteria ou as mesmas células do paciente que se volven tumorais”, apuntou o investigador.

Feita esta aclaración, Fernando Díaz abordou para o alumnado e profesorado presente a evolución histórica da quimioterapia e a súa aplicación principalmente no caso dos tumores de cancro. Segundo explicou na súa intervención, a quimioterapia de cancro descóbrese despois da segunda Guerra Mundial “vendo que substancias que son capaces de deter a división das células son capaces de frear o cancro, sobre todo os cancros como a leucemia, os máis agresivos para o paciente”. Tras este descubrimento, indicou, varios investigadores desenvolveron o que se chamou o fármaco milagre, que conseguiu unha alta efectividade en cancros como o infantil pero que tiña fortes efectos secundarios. No seu repaso pola evolución dos fármacos desde entón, Fernando Díaz centrouse no desenvolvemento acadado a partir dos anos 90, cando se fixo fincapé no obxectivo de minimizar os efectos secundarios dos tratamentos nos pacientes e en aumentar a súa supervivencia.

Novos fármacos

O investigador do CSIC tamén afondou nas novas investigacións que o seu grupo está a realizar no eido da quimioterapia contra o cancro e sobre a aplicación tamén deses fármacos a enfermidades asociadas á vellez, como o Alzheimer e o Parkinson. Así, explicou para as e os asistentes o traballo que realizan por unha banda no descubrimento de novas substancias que poidan ser directamente aplicables en quimioterapia contra o cancro; na optimización de fármacos xa existentes fronte aos cales o cancro se ten volto resistente ao tratamento e na minimización dos efectos secundarios dos fármacos. Entre as novidades neste eido adiantou como están a piques de lanzar dous novos fármacos cunha empresa do sector eficaces en cancros que se volveron resistentes aos fármacos e como están a traballar co Sergas no desenvolvemento dunha variante optimizada do Taxol, “o máis empregado en cancros de peito e ovarios, para que poida ser máis eficaz en cancros resistentes”. Por último, Fernando Díaz tamén apuntou como están a desenvolver unha nova liña de investigación para mellorar fármacos contra o cancro no senso de evitar efectos neurodexenerativos en pacientes.