Segundo un estudo feito do período 2014/2016 por membros do Departamento de Economía Financeira

O impacto económico do campus de Ourense na provincia ascende a sete millóns de euros anuais

É a primeira estimación deste tipo que se realiza no Sistema Universitario de Galicia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Ourense 17/10/2018

21 millóns de euros en total, cunha media anual de sete millóns de euros. Esta é a estimación do impacto económico xerado polo Campus de Ourense-Campus da Auga no período 2014/2016 segundo un estudo feito por investigadoras e investigadores da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. O seu traballo sobre a repercusión económica da institución académica no desenvolvemento da provincia, indican, constitúe o primeiro deste tipo que se realiza no Sistema Universitario de Galicia.

A análise foi realizada por Patricio Sánchez, Ángel Barajas, Jesyca Salgado e Elena Gallego, membros do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, contando con financiamento da convocatoria de axudas Inou 2017 da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense. “Este estudo permite estimar a repercusión económica deste campus no medio e longo prazo (impacto indirecto)”, resumen as e os autores do traballo. Afondar nestes aspectos, subliñan en referencia á relevancia da análise realizada, “facilita a identificación da capacidade de atracción de novos ingresos e investimentos que ten o campus e implica determinar a eficacia das actividades e accións emprendidas no desenvolvemento económico e social da provincia”. As actividades desenvolvidas polas universidades, lembra o equipo que realizou o traballo, “teñen unha alta implicación coa súa contorna” e supoñen “un estímulo para o desenvolvemento económico local así como e a xeración de innovación e emprendemento”.

Para a realización desta investigación, indican as e os seus responsables, empregouse principalmente como ferramenta metodolóxica de análise do impacto económico as táboas input-ouput. Ademais, o traballo centrouse no impacto económico a partir da posta en marcha do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, é dicir, do curso 2013/2014. “É de interese xeral, así como un exercicio de transparencia, coñecer o valor engadido do Campus da Auga e o seu potencial como motor de desenvolvemento para a provincia”, indican os membros do equipo.

As conclusións

Segundo o informe realizado, o impacto económico xerado polo Campus de Ourense-Campus da Auga no período 2014/2016 foi de 21.081.205,79 euros, sendo a media anual de 7.027.068,59 euros. O estudo analiza os efectos económicos dos tres principais grupos que, na opinión das e dos seus autores, inflúen no tema de interese. Así, indican, no período de estudo, desde o curso 2013/2014 ata o 2015/2016, houbo un total de 5878 alumnas e alumnos matriculados que viñeron de fóra da provincia de Ourense para estudar no campus. Ademais, o persoal docente e investigador deste campus estaba conformado por 291 persoas en 2016 e o persoal de administración e servizos ascendía a 106 persoas nese mesmo ano.

Sobre o gasto deste alumnado foráneo en bens e servizos dentro da provincia de Ourense debido á súa presenza como estudante do campus, o seu impacto total no período 2014/2016 superou os 6,5 millóns de euros segundo recolle o estudo, ascendo concretamente a 6.543.718,47 euros. “Os sectores que se viron máis beneficiados do impacto xerado polo alumnado son a alimentación e a cultura, seguido do transporte, o aluguer da vivenda e a roupa e o calzado”, indícase no informe. Polo que respecta ao persoal da universidade, tanto persoal docente e investigador como persoal de administración e servizos, o informe indica que o seu gasto ascende no trienio estudado a 13.625.189,20 euros. O capítulo de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles é o máis destacado no gasto deste colectivo, ascendendo a arredor de 1,6 millóns anuais. Séguenlle sectores como a alimentación, os transportes e o ocio, espectáculos e cultura. “Vemos polo tanto que o gasto no pago de nóminas do persoal universitario supón o maior dos impactos obtidos ata o momento”, afirman as e os autores do traballo. Por último, engaden, está o impacto económico que xera a propia Universidade en canto aos gastos orzamentados para o trienio considerado. “A análise dá como resultado deste impacto un valor de 912.298,12 euros, o que supón o menor dos impactos producidos, non considerando neste apartado o monto dos soldos e salarios porque se inclúe no calculo do impacto do persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos”, matizan.

O que non é posible medir

Nestes resultados, as e os investigadores subliñan como “cabe destacar polo tanto que o impacto económico producido por cada un dos tres grupos estudados arroxa números positivos, xerando unha inxección económica positiva para a provincia de Ourense”. Ademais, puntualizan, “prodúcese outro tipo de impacto que non nos foi posible medir, dado que ata o momento non existe unha metodoloxía contrastada que permita facelo. Trátase do impacto intanxible, que se refire concretamente ao impacto que o campus ten sobre a creación de coñecemento e sobre o campo da investigación e o desenvolvemento”. Outras repercusións positivas da institución académica que non foron medidas neste primeira aproximación ao tema abordado, engaden por último as e os autores da análise, é a promoción dun campus sostible e sensibilizado co medio ambiente, a promoción da provincia e o aumento da concienciación sobre o uso da auga como recurso de escaseza no mundo, entre outros moitos aspectos.