O campus de Ourense acolle este xoves e venres o III Congreso Internacional da Auga

Falando do pasado da auga, falando do futuro da sociedade

Esta edición está centrada no eido da historia, a xeografía e a arte

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 25/10/2018

No marco do seu proxecto de especialización como Campus da Auga, este xoves e venres o campus de Ourense acolle o III Congreso Internacional da Auga. A cita, que nesta ocasión ten por lema Auga, sociedade e territorio e está centrada no eido da historia, a xeografía e a historia da arte, manexa cifras de 80 comunicacións e pósters de expertos e expertas procedentes de oito países e arredor de 150 asistentes. “A auga é un ben valiosísimo e escaso e co paso do tempo serao máis. Na súa xestión somos debedores dun pasado que debemos coñecer e ter moi presente para contribuír a un futuro mellor, sobre todo tendo en conta as ameazas que se albiscan no horizonte”, subliñaron as coordinadoras do congreso.

A aposta pola auga

A organización deste terceiro congreso bianual, que conta co patrocinio do Concello de Ourense e a Deputación de Ourense, corre a cargo da Facultade de Historia e de membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, Geaat, da Universidade de Vigo, tendo como coordinadoras a Susana Reboreda, decana desta facultade, e a Silvia González, investigadora Torres Quevedo do Geaat. Na inauguración da cita Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou como na actualidade “visualizamos un gran futuro para o campus de Ourense e gran parte dese futuro ten que ver coa aposta estratéxica do Campus da Auga”. Esta especialización, con froitos como este congreso internacional, o seu programa de doutoramento e no futuro novas titulacións que poidan implantarse vinculadas a ela, apuntou o reitor, fará “que o capital humano que vamos a ter no campus relacionado coa auga vai ser de primeira magnitude”, convertendo ao campus de Ourense “nun campus de primeira división”. Durante a súa intervención Reigosa adiantou ademais como “estamos traballando coa Xunta de Galicia para que o campus de Ourense se aproveite da capacidade de xeotermia que ten o territorio” e se converta nun referente neste aspecto.

Durante a inauguración, Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, salientou no seu caso a importancia de iniciativas como o Campus da Auga e o seu congreso internacional para posicionar e reivindicar “Ourense como capital termal de Galicia e creo que de toda a Península” que “quere ser un referente da auga”. Ademais de recalcar este potencial, Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, lembrou como na programación do congreso terá lugar unha sesión paralela titulada Valorización do turismo termocultural no Camiño Miñoto, organizada no marco do proxecto europeo transfronteirizo Interreg España-Portugal Raia Termal, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Deputación de Ourense, a Câmara Municipal de Terras de Bouro e a Câmara Municipal de Melgaço.

Pola súa banda, Susana Reboreda destacou durante a inauguración como “o gran reto que comezou hai dous anos hoxe convértese en realidade”. Por este motivo quixo agradecer a implicación neste congreso de alumnado e profesorado da facultade e a colaboración de todo tipo de institucións e entidades. “Foi un traballo moi amplo en tempo e en esforzo pero a resposta foi excelente, polo que estamos todas e todos moi satisfeitos”, engadiu Silvia González trala apertura do congreso internacional.

De África a Asturias

O III Congreso Internacional da Auga conta cun intenso programa de comunicacións e conferencias artelladas en catro os bloques temáticos paralelos. O primeiro deles está centrado na arquitectura e sistemas de captación de auga desde a prehistoria ata a época medieval. A conferencia inaugural deste bloque, titulada The interplay of Saharan and Roman water-supply technologies in North Africa: foggaras and aqueducts, foi ofrecida por Andrew Wilson, profesor do Institute of Archaeology da University of Oxford. Na súa intervención, o historiador explicou as solucións tecnolóxicas que no norte de África deron as poboacións indíxenas á xestión dun ben para eles tan escaso como a auga e como estas solucións foron logo recollidas polo mundo romano e incluso como, están estudando, puideron chegar a través de militares ao límite do imperio romano no norte de Europa, un lugar con necesidades de xestión hídrica moi diferentes ás do deserto.

O segundo bloque do congreso achégase este xoves á arquitectura da auga e ao territorio na época moderna, co obxectivo de ofrecer un marco para abordar o estudo, documentación e revalorización deste patrimonio. Neste caso a conferencia inaugural, De cantería e fontanería: Gonzalo de la Bárcena, un mestre de fontes de Felipe II en Asturias (1570-1597), foi impartida por Cristina Heredia, doutora en Historia da Arte da Universidad de Oviedo. Na súa conferencia, Heredia explicou “como se traballou o aspecto de cantería vinculada ás obras hidráulicas no ámbito asturiano a finais do século XVI”, sendo “o protagonista absoluto Gonzalo de la Bárcena”. Ante os problemas de falta de auga que vivía a poboación pola mala xestión deste recurso, este mestre canteiro creou para as tres principais cidades asturianas “un trazado hidráulico de gran complexidade, adaptado ao terreo e empregando ricos materiais ata daquela sen usar”, segundo explicou a historiadora.

Das canles fluviais á calidade da auga

Outro dos grandes eixes temáticos do congreso é a arqueoloxía das paisaxes fluviais tendo en conta como “ao longo da historia, os vales fluviais funcionaron como elementos básicos na articulación do hábitat, na explotación dos recursos primarios e como medio preferente de comunicación entre as zonas interiores e costeiras”. Manuel Martín-Bueno, catedrático de Arqueoloxía da Universidad de Zaragoza, será o encargado neste caso de dar o venres a conferencia inaugural Cursos fluviais: algo máis que auga. Na súa intervención, indicou este xoves, fará un percorrido polo significado das canles fluviais, desde o aproveitamento e acumulación da auga ata as inundacións ou os ríos como subministro de bens. Sobre a dedicación deste congreso internacional da auga á historia, o catedrático subliñou a necesidade de abordar este ben “desde un punto de vista multidisciplinar e transversal”.

Por último, o cuarto bloque temático abordará tamén este venres a protección e xestión da auga na actualidade ante a idea de que “a importancia da auga no momento presente fai necesario un exercicio de reflexión e debate sobre diversos aspectos relacionados coa súa protección e xestión”. A conferencia inaugural será neste caso Water quality over the Longue duree, the expression of the complex and evolving relations between societies and river basins, a cargo de Michel Meybeck, da University of Paris 6. A programación rematará para as e os participantes cun percorrido o día 27 por enclaves de interese histórico e xeográfico de Ourense, como o mosteiro de San Pedro de Rocas, o xacemento de San Victor de Barxacova e a Ribeira Sacra.