Ciencias da Educación e do Deporte acolle o 16 de novembro o Emlex Wiktionary Hackfest

O campus acollerá o primeiro maratón dirixido a incorporar contidos ao Galizionario

Aberto á participación da cidadanía, insírese nas actividades dun mestrado europeo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/11/2018

En funcionamento desde o ano 2004, o Galizionario é a versión galega do proxecto Wiktionary, o dicionario impulsado pola Wikimedia Foundation no que son os propios usuarios e usuarias os responsables da incorporación dos contidos. Con máis de 53.000 entradas ata a data, o Galizionario contará o 16 de novembro por primeira vez cun maratón dirixido a sumar novos contidos a este proxecto, o Emlex Wiktionary Hackfest, que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Aberto á participación de calquera persoa interesada, a iniciativa que coordina o profesor desta facultade Carlos Valcárcel insírese así mesmo nas actividades do mestrado europeo en lexicografía Emlex, de tal xeito que proxecta reunir en Pontevedra a futuros e futuras profesionais da elaboración de dicionarios, editores do Wiktionary e usuarios e usuarias destes recursos.

“É algo totalmente aberto”, sinala Valcárcel, responsable do comité organizador dun evento que conta tamén co apoio da Vicerreitoría do campus e que achegará á facultade aos alumnos e alumnas que cursan nas universidades de Santiago de Compostela e do Minho un mestrado Erasmus Mundus que coordina a Friedrich-Alexander University de Erlangen-Nümberg e no que participan diferentes universidades europeas. Nese senso, o hackfest constitúe unha actividade inserida na materia sobre lexicografía colaborativa deste posgrao, da que Valcárcel é un dos seus docentes, pero ao mesmo tempo busca reunir aos estudantes de diferentes nacionalidades que cursan este mestrado con “xente afeccionada a facer dicionarios, xa que, ao igual que na Wikipedia, calquera persoa pode facer un perfil e comezar a editar no Wiktionary”. 

Unha xornada de traballo conxunto

A xornada abrirase cos relatorios de Adrián Estévez, un dos administradores do Galizionario, e de Eneko López, un dos responsables da edición en éuscaro do Wiktionary e colaborador tamén da edición en castelán. “Serán unhas charlas moi prácticas, o que queremos é que nos expliquen que hai que facer para editar e que é preciso ter en conta para que a xente poida comezar a andar, porque a idea é que estean todo o día editando xuntos”, sinala Vacárcel dunha actividade que, tras estes coloquios e a organización dos grupos de traballo, terá como eixo a incorporación de novos contidos ao Galizionario, para pecharse cunha sesión de posta en común do traballo de cada grupo. “A idea é que poidamos falar dos problemas que atoparon, de como se podería mellorar este dicionario”, explica Valcárcel, que incide no positivo para o alumnado do mestrado de achegarse á “este tipo de metodoloxía colaborativa, xa que a xente que fai o Wiktionary non é profesional de facer dicionarios”, polo que este encontro supón para eles un achegamento aos usuarios e usuarias, á vez que proporcionará aos editores e editoras do Galizionario “unha reflexión máis profesional” respecto da elaboración dun dicionario. 

Co propósito de promover ese traballo conxunto e colaborativo, o comité organizador deste evento, do que forman parte tamén Adrián Estévez e as docentes María José Domínguez, da USC,e Idalete María Silva, da Universidade de Minho, achegará a este hackatón unha serie de propostas para este traballo da edición, que abranguen desde a introdución de léxico relacionado co outono á incorporación de traducións a outros idiomas neste dicionario multilingüe, aproveitando a presenza de alumnado procedente de diferentes países, así como a definición das liñas dun futuro libro de estilo, co que non conta ata a data a versión galega deste proxecto. Así mesmo, explica Valcárcel, a participación tamén está aberta “a aquelas persoas que non poidan vir a Pontevedra pero que queiran sumarse editando desde as súas casas”.