Este venres celebrouse na facultade o III Foro de Emprego Xurídico Orienta Iuris

Alumnado de Dereito aprende técnicas de busca activa de emprego

Egresados e egresadas volveron ao centro para explicar os seus traballos e traxectorias

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Ourense 09/11/2018

A Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou este venres o III Foro de Emprego Xurídico Orienta Iuris. A programación consistiu no desenvolvemento dun obradoiro de orientación laboral que levou por título Estratexias para a busca activa de emprego e saídas profesionais dos graduados/as en Dereito. O obxectivo da iniciativa continuar fomentando a empregabilidade dos egresados e egresadas do eido xurídico amosándolle as diferentes opcións que teñen ao remate dos seus estudos.

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, subliñou na inauguración da cita como esta naceu ante a convicción que ademais dunha “sólida formación xurídica” o centro debe ofrecer ao seu alumnado orientación sobre saídas profesionais. Así, destacoulle aos estudantes presentes o obxectivo da facultade de “sensibilizarvos sobre a importancia de buscar xa durante a vosa vida universitaria estratexias que vos permitan diferenciarvos doutros titulados en Dereito e adquirir competencias e habilidades complementarias que demanda a sociedade actual, que facilitarán a vosa inserción laboral e vos converterán en profesionais de éxito”.

Durante a inauguración, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, fixo pola súa banda fincapé na “importancia destas iniciativas para ofrecer orientación ao alumnado sobre as competencias e habilidades que esixe o mercado de traballo e sobre as múltiples saídas profesionais que o dereito lles ofrece, tanto no ámbito da administración como nas empresas ou a través do exercicio da avogacía”. A vicerreitora amosou o seu desexo de que o testemuño dos egresados e egresadas participantes nesta xornada serva de “exemplo e acicate” aos estudantes inscritos no III Foro de Emprego Xurídico Orienta Iuris.

Información e testemuños

A programación arrancou cunha charla de Reyes Fernández, técnica superior de Orientación Laboral da Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, sobre estratexias para a busca activa de emprego. Nela abordou desde cuestións como a elaboración do curriculum ou as dinámicas de busca de emprego nas principais saídas profesionais do eido xurídico. Ao seu remate celebráronse dúas mesas redondas nas que profesionaisdo eido xurídico de diferentes sectores explicaron ás e aos asistentes os traballos que realizan e as súas traxectorias profesionais co obxectivo de darlle unha visión o máis aproximada á realidade tanto do que é o exercicio profesional como da situación do mercado laboral.

A primeira das mesas levou por título Oposicións ou exercicio profesional? e contou coa participación de profesionais da avogacía, da fiscalía, de notarías e da administración. A segunda das mesas, que levou por título As profesións xurídicas de egresados e egresadas da Facultade de Dereito, permitiu aos hoxe estudantes do centro escoitar o testemuño de persoas que anos atrás ocuparon as súas mesmas aulas e que hoxe traballan en diferentes sectores, como a xudicatura, a administración da Unión Europea, despachos, consultoras ou o Corpo Superior de Técnicos de Institucións Penitenciarias.