Terá lugar este xoves, coa participación de presentadoras, poetas, cantantes e un ‘youtuber’

Alumnado de CCSS e da Comunicación promove unha xornada dirixida a fomentar o uso do galego

O centro recibiu este mércores á xefa de programas da TVG, con motivo do Día Mundial da Televisión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/11/2018

Darlle visibilidade ao idioma galego entre os alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación é o propósito que levou a un grupo de estudantes da facultade a pór en marcha Usa a túa lingua en galego, a xornada que este xoves 22 reunirá nesta facultade a un youtuber, unha cantante, unha poeta e dous presentadores de televisión, co uso do idioma en múltiples ámbitos como nexo de unión. “A idea era amosarlle aos rapaces e rapazas que hai xente que traballa e que utiliza a lingua galega a diario, que todas as profesións poden exercerse en galego”, sinala Noelia Fontecoba, unha das organizadoras do evento.

Promovida por Fontecoba Lara Fandiño, Eva Crispín e Ángela Codeseda xunto coa júnior empresa Freshysweet, integrada tamén por alumnado do centro, Usa a túa lingua en galego arrincará ás 11.00 horas cunha conferencia do youtuber Aquel-e, Miguel Conde, “que falar de como grava os programas, dos contidos e de porque os fai en galego”, para continuar, ás 11.45 horas coa actuación, na primeira planta da facultade da cantautora Sofía Espiñeira, que recentemente presentaba o seu disco Alá onde agroman as verbas.

Trala actuación, o evento trasladase de novo ao salón de graos da facultade para acoller, ás 12.15 horas, a poeta Miriam Ferradáns, gañadora de premios de poesía como o Pérez Pallaré e colaboradora de Sermos Galiza, “quen nos vai contar un pouco a súa experiencia, como e porque decidiu facer poemas e que tamén nos recitará algúns”, relata Fontecoba dunha iniciativa que continúa ás 13.30 horas coa participación de Fátima Pego, reporteira do programa da TVG Fun polo Aire e cantante da orquestra París de Noia. “Trátase dunha persoa que sempre estivo moi vinculada a visibilizar o uso da lingua galega”, sinalan as organizadoras dun evento que, neste senso, busca tamén afondar no uso do idioma no audiovisual, motivo polo que completa o programa o actor e presentador de televisión Duarte Galván, que, entre outros traballos, presentou recentemente o programa O porquiño polo que vale para a canle autonómica.

A TVG, protagonista no Día Mundial da Televisión

A TVG foi tamén protagonista na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación este mércores, xornada na que se conmemora o Día Mundial da Televisión. Nunha actividade organizada pola profesora Silvia García Mirón, responsable da materia Técnicas de programación para televisión, o alumnado de Comunicación Audiovisual puido nesta xornada achegarse as funcións do departamento de programación da TVG de man da súa xefa de programas, Vanessa Grela, quen presentou ao alumnado unha serie de proxectos concretos que “aínda están nunha fase de ideación, para que así vexan como son os nosos procesos de traballo”, explica. 

Nese senso, Grela abordou co alumnado proxectos que se atopan aínda nunha fase de pre-produción como a articulación “dun programa semanal sobre a Xeración Xabarín”, unha nova serie de ficción para a canle autonómica e unha “premontaxe” dunha spin-off do programa Larpeiros. “Para nós é moi importante esta colaboración coa Universidade, porque nos está achegando outras ideas, desde a perspectiva doutro tipo de público que ademais está tendo a capacidade de pórse na pel dun programador”, salientou a xefa de programas da TVG dun encontro que nese senso buscaba tamén a participación do alumnado e que serviu tamén para abordar os distintos factores que inflúen á hora de articular a programación dunha canle pública. “A audiencia é importante, pero tamén cumprir coa Lei da CRTVG. Entón, todos os nosos programas son divulgativos, incluso os que pode parecer que son só de entretemento”, sinalou Lamelas, quen se referiu nese senso á aposta da cadea pola programación cultural, porque “os programas de entretemento teñan tamén esa parte divulgativa”, á vez que incidiu no papel que pode xogar a TVG na normalización lingüística, aspecto no que puxo o foco no papel da ficción, “que aínda que ten un custo moi grande, é o mellor vehículo para normalizar a lingua, é realmente onde se xera fidelidade”.