Nun curso promovido pola Universidade a raíz dun convenio co Consello Galego de Relacións Laborais

Representantes sindicais e empresariais fórmanse no campus en negociación colectiva

A ex-presidenta do Tribunal Constitucional María Emilia Casas imparte o xoves a sesión de clausura

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/11/2018

A estrutura da negociación colectiva, a concertación social, o procedemento de negociación dos convenios, a súa aplicación e interpretación, pero tamén as técnicas de negociación e a comunicación e intelixencia emocional forman parte dos contidos do curso Negociación colectiva e individual no ámbito laboral, que desde finais de setembro desenvolve no campus pontevedrés as súas sesións presenciais. Promovido polo Departamento de Dereito Público Especial da Universidade de Vigo, no marco dun convenio co Consello Galego de Relacións Laborais, o curso que dirixen o catedrático de Dereito do Traballo e Seguridade Social Jaime Cabeza e a profesora deste departamento Emma Rodríguez reúne entre o seu alumnado o a cadros das organizacións sindicais e empresariais xunto a estudantes de diferentes titulacións. De carácter semipresencial, este curso de 67 horas celebra este xoves 29 na Casa das Campás a súa sesión de clausura, unha conferencia da catedrática e ex-presidenta do Tribunal Constitucional María Emilia Casas.

Achegar coñecementos e técnicas de negociación colectiva tanto a persoas que se están formando como a cadros que toman parte dos procesos de negociación no ámbito laboral constitúe nese senso o principal obxectivo dun curso monográfico que, nese senso, busca mellorar a negociación colectiva en Galicia, reunindo entre o seu alumnado tanto a cadros das principais organizacións sindicais como a representantes empresariais. “Negociar un convenio colectivo  implica unha técnica bastante importante, porque un convenio logo é unha norma xurídica e como se exprese unha idea, como se redacte unha cláusula, é algo fundamental”, sinala Cabeza respecto do eixo dun curso que, sinala, naceu con vontade de continuidade e que constitúe tamén “un complemento formativo moi interesante” para alumnado de titulacións como Relacións Laborais. Inserido na colaboración entre a institución académica e o Consello Galego de Relacións Laborais, un órgano participado polos interlocutores sociais que, como lembra Cabeza, ten entre as súas “funcións fundamentais dinamizar a negociación colectiva”, a primeira edición deste curso, que se desenvolve no campus desde o 20 de setembro, combina un 60% de formación presencial, con dúas sesións semanais na Facultade de Belas Artes, con módulos impartidos a través de internet.

Un achegamento teórico e práctico á negociación

Preto de 40 alumnos e alumnas toman parte na primeira edición dun curso que, pola súa temática obriga tamén, lembra Cabeza, a “unha parte presencial forte”, necesaria á hora de abordar, tanto desde unha perspectiva teórica como práctica, aspectos como as técnicas de negociación. De feito, a celebración dun “xogo de roles”, a simulación da negociación dun convenio no que os cadros das organizacións sindicais e empresariais tiñan que asumir o papel da outra parte centrou a semana pasada, como relata Rodríguez, unha das sesións prácticas desta inciativa. 

Así, no programa desta formación figuran módulos que se abordan, entre outros aspectos, cuestións relacionadas coa estrutura da negociación, a duración dos convenios, o procedemento de negociación, os puntos críticos dos convenios e acordos colectivos, a súa interpretación e aplicación, os criterios que se deben utilizar, por exemplo, para subas salariais, xunto cun pequeno módulo centrado na negociación e conflitividade individual, no que se trataron, como apunta Cabeza, “cuestións relativas a débedas salariais ou conflitos relativos a vacacións ou a conciliación da vida laboral e familiar”, que forman parte tamén da negociación no ámbito laboral.

Mais, a formación abrangueu tamén contidos centrados en comunicación e intelixencia emocional e en técnicas e aspectos estratéxicos de negociación. “A comunicación é fundamental, está a linguaxe, están os aspectos emocionais... todo iso conta moito na negociación dos convenios”, sinala Cabeza, que nese senso pon o acento en que a negociación é “esencialmente comunicación, como calquera outra dialéctica das persoas”, coa particularidade que implica a “dinámica do conflito e acordo”, a necesidade de “chegar a un punto de conexión” coa outra parte, que fan “fundamentais a comunicación e a empatía”. De aí que, como engade Rodríguez, entre as e os docentes do curso figuren tanto profesorado universitario, letrados das organizacións sindicais e empresariais ou inspectores de traballo, pero tamén como profesorado do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade e profesionais especializados en mediación. 

Sesión de clausura

A Casa das Campás acolle este xoves ás 17.00 horas, a sesión de clausura deste curso, unha conferencia, centrada de María Emilia Casas, a que foi a primeira muller catedrática do Dereito do Traballo e Seguridade Social en España e tamén, no 2004, á primeira muller en presidir o Tribunal Constitucional, no que ingresou en 1998. Experta en relacións laborais, a conferenciante , que neste 2018 era recoñecida coa Medalla de Ouro de Galicia, será encargada de pechar unha formación que en setembro abría a catedrática da Universidad de Córdoba Carmen Saéz, recentemente proposta como vogal do Consejo General del Poder Judicial.