A EE Forestal acolle as II Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade

A conservación da biodiversidade será este sábado protagonista no campus

Promovidas pola Sociedade Galega de Historia Natural

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/11/2018

Un total de nove conferencias porán o foco este sábado na Escola de Enxeñaría Forestal en diversos aspectos relacionados coa conservación e protección da biodiversidade, desde a polinización ou a recuperación de solos aos plans de conservación de especies ameazadas, no marco das II Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, que a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) promove coa colaboración da EE Forestal. O director do centro, Juan Picos, o e secretario da SGHN, José Rodrigo, presentaron este xoves na escola o programa da actividade que se desenvolve esta fin de semana no campus e no Teatro Principal e que se enmcarca no convenio de colaboración que a SGHN asinou coa Universidade de Vigo o pasado verán. 

“A SGHN é un referente do ecoloxismo e o activismo ambiental con base científica e, polo tanto, achéganos á escola unha sensibilidade que un enxeñeiro forestal tamén ten que ter”, salientou Picos dunhas xornadas que “complementan os coñecementos do noso alumnado” e que xa celebraron neste centro a súa primeira edición. Esta, lembrou Picos, permitiu onstatar “o interese dunha grande parte do noso alumnado por este tipo de temas”, xa que, lembrou, “a Enxeñaría Forestal ten unha multiplicidade de vertentes na que os aspectos relacionados coa conservación da biodiversidade tamén son parte do día a día”. 

O programa

Con inscrición gratuíta a través do correo electrónico pontevedra@sghn.org, as abriranse na mañá do sábado cunha conferencia sobre polinización de orquídeas a cargo de Marcos Perille, para logo abordar o estudo de tiburóns peláxicos da man do investigador da Universidade do Porto Gonzalo Mucientes e a comunicación da biodiversidade a través do audiovisual, nun relatorio de Alberto José Redondo, da Universidad de Córboda. Os moluscos invasores serán o eixo da intervención de Juan E. Trigo, do Grupo de Estudos do Medio Mariño, mentres que César Ayres, da Asociación Herpetológica Española falará da recuperación de solos de minas e da recuperación de especies ameazadas, e Roberto Hermida, da asociación Drosera, abordará a conservación dos morcegos en Galicia. Xa pola tarde, Joám Evans Pim, da Comunidade de Frojám, impartirá unha conferencia sobre áreas conservadas por pobos indíxenas e comunidades locais, mentres que o profesor da EE Forestal e investigador do grupo EcoEvo Adolfo Cordero porá o foco nestas xornadas no concepto de etodiversidade, a relevancia que ten o comportamento nos estudos da biodiversidade. Un relatorio sobre os plans de conservación das especies ameazadas en Galicia, a cargo do presidente da SGHN, Serafín González, pechará a primeira xornada dun foro que o domingo se traslada ao Teatro Principal, onde, ás 19.00 horas,  proxectarase o documental Mariposas do profesor e divulgador Alberto José Redondo.