Dotado xa de capital humano, en 2019 adquirirase equipamento “punteiro e de elevadas prestacións”

Arranca a actividade no Laboratorio de Linguaxe e Cognición, un "espazo único" para facer análise experimental das linguas

O reitor, Manuel Reigosa, insistiu en que este proxecto marca todo un fito no mundo das humanidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Reitor
  • Investigación
D. Besadío DUVI 22/11/2018

Tras chegar esta mesma semana a notificación oficial e definitiva da concesión por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades dunha axuda de 300.000 euros, este xoves inaugurouse na Facultade de Filoloxía e Tradución o Laboratorio de Linguaxe e Cognición, Lang & Co. Lab, unhas instalacións pioneiras que situarán a Vigo como referente europeo “na análise experimental da lingua e a fala en xeral, e das linguas e as falas, en particular”, tal e como subliñaron os seus directores, os profesores Rosalía Rodríguez Vázquez e Miguel Cuevas, investigadores do grupo de investigación LVTC (Language Variation and Textual Categorisation). Xunto a eles participaron na inauguración o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o decano da facultade, Luis Alonso, que se amosaron “tremendamente satisfeitos” polo éxito acadado por este proxecto na convocatoria do ministerio, algo que, reiteraron, “marcará un antes e un despois no mundo das humanidades”.

Instalacións abertas a profesionais de moi distinto perfil

“Este laboratorio permitirá unha análise experimental dentro do eido da psiconeurocognición da linguaxe que, de algún xeito, complementa as liñas de investigación ben establecidas e con moito éxito que xa están consolidadas na nosa facultade”, subliñou Rodríguez Vázquez, quen fixo fincapé en que responde así á necesidade expresada en numerosas reunións científicas de que as abstraccións estruturais, “que son un elemento central nos estudos sobre a linguaxe”, teñen que complementarse con aqueles resultados procedentes da psicoloxía, a acústica e a neurociencia “co fin de que apoien e axuden a repensar as descricións formais e funcionais coa evidencia experimental dos procesos cognitivos implicados en producir e percibir a linguaxe”, recalcou Cuevas.  Ademais, o laboratorio ten unha moi clara vocación social en tanto que nace para poñer ao servizo de individuos, colectivos e institucións os resultados das investigacións que nel se leven a cabo. 

Na solicitude desta axuda ao ministerio participaron diferentes grupos de investigación, non só da Facultade de Filoloxía e Tradución, senón tamén do resto da Universidade de Vigo, así como outras investigadoras e investigadores de recoñecida bagaxe científica nas áreas de estatística, psicoloxía, neuroloxía, lingüística clínica, cognición, etc. Son o capital humano dun centro no que día a día traballarán o  grupo LVTC de lingüística e linguas, dirixido por Javier Pérez Guerra; o grupo Galma de tradución e interpretación, dirixido por Luis Alonso; o grupo PS1 de psicoloxía, dirixido por Francisca Fariña, e o grupo Grupo de Tecnoloxías Multimedia, dirixido por Carmen García Mateo. 

Instrumental para realizar rexistros electrofisiolóxicos do cerebro

Instalados na Facultade de Filoloxía e Tradución, de momento teñen dúas salas á súa disposición, nunha das cales colocaron xa unha cabina insonorizada, que será un dos eixes centrais no que levar a cabo os experimentos.  “O equipamento que imos mercar é punteiro e ten unhas elevadas prestacións”, recalcaron os directores do laboratorio, ao que engadiron que para investigar a percepción dos actos comunicativos mercarán un Eyetracker portátil, que posibilita unha rápida calibración e se pode levar posto nas actividades cotiás, o que permitirá a investigación en situacións da vida diaria das persoas. Por outro lado, mercarase  un EEG que ofrecerá rexistros electrofisiolóxicos do cerebro. Finalmente, comprarase un NIRS co que se poderán obter sinais espectroscópicos  procedentes das variacións na concentración de elementos metabólicos que reflicten a activación neuronal. “Todo este instrumental adquirirase durante o ano 2019. A nosa idea é que o  grupo comece o antes posible a investigación con eses recursos”, recalcou Rodríguez Vázquez.

A inauguración convértese nun acto de apoio ás humanidades

A inauguración do laboratorio converteuse tamén nun acto de apoio ao mundo das humanidades. “Malos tempos cando hai  que xustificar a súa importancia”, subliñou o reitor, Manuel Reigosa, recalcando a idea de que a sociedade se está deixando levar por un discurso oficial que ás veces ten só que ver coa formación para a empregabilidade, algo que “por suposto” é importante “e no que, por certo, a este centro non lle vai nada mal”, pero todos temos que facer un esforzo en transmitir a importancia da formación integral dos nosos egresados e egresadas. 

Centrándose xa nestas novas instalacións, o reitor adiantou que se ben non está pechada a negociación coa Xunta de Galicia polo tema do financiamento, “todo vai polo bo camiño” e, en calquera caso, garantiu que, si se producise algún retraso no pagamento, será a propia Universidade de Vigo a que adiante o financiamento. “Agora queda nas vosas mans apurar o traballo para preparar os pregos de condicións para que as adquisicións saian a concurso o antes posible”, recalcoulle aos directores.

Pola súa banda Luis Alonso, que interveu no acto non só como decano do centro, senón como profesor do ámbito das humanidades e responsable dun dos equipos de investigación implicados neste proxecto –Galma-, recalcou que “este é un proxecto moi interesante que xunta persoas de moi diversos ámbitos, un bo exemplo de traballo interdisciplinar, unha palabra que nos encanta empregar no ámbito universitario pero que logo poucas veces se pon en práctica”, subliñou Alonso, quen tamén salientou que o laboratorio “é unha iniciativa que nos leva ás maneiras máis modernas de estudar a mente humana”. 

A xornada inaugural do Laboratorio de Linguaxe e Cognición completouse con dous relatorios impartidos neste caso polas profesoras Maria-Josep Solé (Universitat Autònoma de Barcelona) e Pilar Prieto, da Universitat Pompeu Fabra.