Dentro do programa do desfile, Esdemga desenvolveu na Vicerreitoría as Xornadas Técnicas de RRHH

Tras o Debut, chega o primeiro encontro co sector profesional

15 novas tituladas mantiveron entrevistas con representantes de diferentes empresas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 23/11/2018

Responsables dos departamentos de recursos humanos de diferentes marcas do grupo Inditex, das dúas firmas do grupo Lonia, Purificación García e Carolina Herrera; de Bimba & Lola, Parfois e Oky Coky mantiveron este venres unha serie de entrevistas coas 15 novas tituladas de Esdemga que, na noite deste xoves, presentaron as coleccións que constituían os seus proxectos de fin de estudos en Debut 2018. Dentro do programa de actividades que complementan este desfile, a sede da Vicerreitoría do campus acolleu estas Xornadas Técnicas de RRHH dirixidas a brindar un primeiro encontro co sector profesional as novas egresadas.”No seu conxunto, Debut concíbese como unha ponte que facilite o tránsito da formación académica ao ámbito laboral e dentro desa concepción, esta xornada é clave”, sinala a directora de Esdemga, Lola Dopico, da actividade que puña peche ao programa de talleres e conferencias que se desenvolveu ao longo desta semana e que se completou cun coloquio, aberto a todo o alumnado da titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes, sobre a realización de entrevistas de traballo por parte das representantes de Inditex.

Ao longo da mañá, os e as representantes das diferentes firmas realizaron entrevistas as 15 novas tituladas nalgúns dos casos ou aos perfís que previamente seleccionaron noutros, xa que, como explica Dopico, trátase dunha serie de profesionais que, unhas horas antes, coñecían as diferentes coleccións no desfile que tivo lugar no Pazo da Cultura. “Realmente é unha xornada onde xente que viu a túa colección, quere coñecerche e darche a oportunidade de amosar o mellor do teu traballo e de presentar o teu currículo, e iso en si xa é moi importante”, sinala Dopico dunha iniciativa que se concibe como unha “primeira entrevista”, na que as e os representantes das empresas poden valorar os diferentes perfís e que “se hai un interese poden pedirche que lles envíes unha proposta para a marca”. Pero, máis aló de ser unha porta de entrada a novas entrevistas de traballo, esta actividade supón tamén, sinala, “unha aprendizaxe práctica que para nós é tamén moi importante”. Nese propósito precisamente de achegar ao alumnado diferentes cuestións que deben ter en conta á hora de enfrontarse a unha entrevista laboral, esta xornada completouse cunha actividade formativa a cargo das representantes de Inditex, dirixida a achegar aos estudantes “certas ideas de que agardar dunha entrevista, que lles poden pedir, en que cousas se fixan...”, explica Dopico.

Tras os premios, unha ollada ao futuro

Horas despois de lograr o primeiro premio en Debut coa súa colección ‘Who killed those flies and why?’, a egresada Raquel Barbosa mantiña diferentes entrevistas no marco destas xornadas técnicas, que recoñece como “unha moi boa oportunidade”, xa que lles permiten ter un primeiro contacto con “empresas nas que a min persoalmente interesaríame moito traballar”. Nese senso, Barbosa recoñece o positivo de que profesionais do sector “se interesan polo teu traballo e valórano”, ademais de abordar tamén coas novas tituladas os intereses e preferencias de cara a súa entrada no mundo profesional. “Eu por exemplo, aínda non o teño moi claro, pero teño ganas de poñer a proba que todo o que aprendín nestes últimos tres anos e non só traballar comigo mesma senón nun equipo”, sinala Barbosa, quen agarda que nese camiño supoña un “empurrón” o premio obtido na noite do xoves en Debut, “que é algo moi especial, xa que alguén do que valoras tanto o seu gusto aprecie a túa colección é algo moi importante, un broche final moi bonito”.

“Realmente xa te sentes contenta por chegar ao final, pero que veña o tribunal, que che pregunte, que toque as túas prendas e que o teu traballo sexa valorado cun premio é algo xenial”, engade María Cores, que obtiña o segundo premio pola súa colección Aquelarre que nesta xornada presentaba tamén, xunto co seu currículo e intereses, ás empresas participantes nesta actividade. Co deseño e a editorial de moda como os campos que maior interese lle espertan dentro do sector, Cores recoñece como “unha grande oportunidade, saír do desfile e xa de inmediato ter estas entrevistas con marcas moi coñecidas e valoradas, que teñen un peso moi importante na industria”.

Xunto as dúas premiadas, o xurado de Debut recoñeceu cun accésit o proxecto de Ana Micaela Fernández, Los renglones torcidos de Dios, na que se facía presente o ámbito predilecto dentro do sector desta tamén alumna do grao en Belas Artes, os estampados. “Ao final, o debuxo, a pintura e a ilustración son algo que pode convivir perfectamente no mundo da moda”, salienta Fernández, quen ademais de amosarse “orgullosa” por este recoñecemento, destacaba tamén o positivo desta xornada. “A xente que está aquí para verte e escoitarte é xente que onte veu as túas coleccións, que sabe o que podes achegar á empresa”, salienta desta serie de entrevistas que, “aproveitando a inercia de Debut” constitúen, sinala, “un trampolín” para estas novas 15 tituladas.