Na IV edición dos seus premios anuais

A Asociación de Empresas Medioambientais premia o labor do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible

Con estes galardóns pretenden pór de relevo o esforzo realizado por distintas organizacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Académica
D. Besadío DUVI 23/11/2018

O Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible acaba de recibir un novo recoñecemento. O premio chega nesta ocasión de man da Asociación de Empresas Medioambientais de Galicia, Aproema, que entregou esta semana a IV edición dos seus galardóns anuais. “Ademais dun orgullo moi grande é un recoñecemento do mundo empresarial a un labor que levamos realizando 10 anos”, explica a profesora Pilar Piñeiro, actual coordinadora deste mestrado, que foi a encargada de recoller o galardón nun acto celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia.

Concibido para distinguir aqueles proxectos impulsados por entidades públicas ou privadas, empresas e centros académicos que destaquen polo seu respecto ao medio ambiente e o desenvolvemento sostible en Galicia, Piñeiro fai fincapé na “especial ilusión” que lles fai o feito de que sexan as propias empresas as que recoñezan o valor da formación que, ano a ano, achega este mestrado. “É importante porque falamos dun máster que ten unha orientación profesionalizante, no que o noso obxectivo é formar profesionais para que traballen na empresa e na administración e, nesta liña, ser recoñecido pola asociación de empresas de medio ambiente é para nós a guinda do pastel”, recalca a docente.

O xurado valorou sobre todo o perfil multidisciplinar deste título

Desde o equipo de coordinación do mestrado, consideran que á hora de concederlles este galardón o xurado valorou sobre todo o feito de que é un proxecto multidisciplinar. Este título ten, segundo a súa coordinadora, un carácter diferente ao resto de mestrados que hai na propia Universidade, no sentido de que, segundo explica, se traballa cun enfoque interdisciplinar, tanto desde o punto de vista do plan de estudos -xa que se combina a formación en ciencias coa tecnolóxica e xurídico-empresarial-, como do propio perfil do alumnado -hai estudantes matriculados procedentes de todo tipo de titulacións-, e tamén do traballo que fan nas empresas, pois durante as prácticas desenvolven labores moi distintos dependendo do seu propio perfil.

“Hai alumnos e alumnas matriculados de Socioloxía, Ciencias Políticas, Dereito, Publicidade e Relacións Públicas, Ciencias Empresarias, Económicas, Química, Enxeñaría Industrial, Ciencias do Mar, Bioloxía…”, explica Piñeiro. “Temos un perfil de estudantes moi variado e un programa de estudos tremendamente multidisciplinar e iso é precisamente o que valoran as empresas, xa que todo o que ten que ver con medio ambiente e sostinibilidade necesita dese enfoque”, recalca a coordinadora do mestrado.

Elevada porcentaxe de alumnado internacional

Nesta edición hai 21 alumnos e alumnas matriculados, incluíndo estudantes de Perú, Arxentina, Brasil, así como numerosos estudantes de fóra da comunidade galega. “O balance destes dez anos de mestrado é tremendamente satisfactorio”, subliña a actual coordinadora, quen recalca que, aínda que ela sexa agora mesmo a cara máis visible deste proxecto, antes estiveron os profesores Xavier Labandeira e Alberto Gago. “Os tres formamos parte dun mesmo equipo de coordinación e dun proxecto no que estamos implicados un grupo de docentes de distintos departamentos e de diferentes empresas que apoiaron desde o principio o máster e diso é do que nos sentimos máis orgulloso”, recalca Piñeiro, que conclúe dicindo que  “estamos moi contentos, orgullos e con moitas ganas de seguir outros dez anos máis”.