O alumno de doutoramento de BBAA Manuel Mata vén de publicar o seu primeiro poemario

Un ‘bo salvaxe’ construído con poemas

O texto foi proclamado gañador da XIX Premio Gloria Fuertes de Poesía Joven

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/01/2019

“Creo que existen medios máis apropiados que outros para cada tema que un quere tratar”, sostén Manuel Mata, alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes, que combina o seu labor artístico en eidos como a poesía experimental coa investigación que para a súa tese centra no movemento literario do realismo sucio e a translación dos seus fundamentos á arte contemporánea. Alumno que o pasado mes de maio proclamábase gañador do XIX Premio Gloria Fuertes de Poesía Joven con El buen salvaje, un poemario que vía a luz nas últimas semanas de mans de Ediciones Torremozas e ao que deu o título dun dos poemas incluídos neste seu primeiro libro. 

“No concerninte a El buen salvaje, a única forma de contar o que quería contar era mediante a poesía escrita, mediante un libro de poemas”, sinala Mata, quen é da opinión que en campos como a poesía “os preámbulos non teñen o menor sentido”, polo que, engade, “a mellor forma de presentalo quizais sexa dicindo que é un segredo e que é meu”. Seleccionado por unanimidade por un xurado composto por Ana Rossetti, Javier Lostalé e María Porpetta, Mata obtivo neste certame para textos en castelán de autores e autoras dun máximo de 25 anos o seu primeiro recoñecemento, admite, “como escritor e como calquera cousa”, motivo polo que incide en que o galardón, dotado cun premio económico de 1000 euros e a edición da súa obra, constitúe para el unha “tremenda honra, tanto por estar ligado á Fundación Gloria Fuertes como porque os xuíces considerasen que o libro merece a pena”. 

Do realismo sucio á poesía experimental

No fallo do premio salientábase tamén o labor artístico e investigador de Mata Piñeiro, “nos límites da literatura e os demais campos artísticos deste alumno de doutoramento, que centra a súa tese no movemento literario coñecido como realismo sucio. “Interésame pescudar cales son os fundamentos que configuran a obra dos seus principais autores e como outros medios artísticos poden acoller ditos fundamentos na arte contemporánea, enriquecéndoos e complementándoos”, salienta Mata. 

“Creo que existen modos máis apropiados que outros para cada tema. Así mesmo, creo que nun tema pode haber o suficiente potencial como para necesitar máis dunha única vía de expresión”, salienta neste senso Mata, quen, do mesmo xeito que viu na poesía o mellor vehículo para dar forma a El buen salvaje, ten abordado no seu labor artístico campos como a poesía experimental. “Trátase máis ben de que cada medio que escollo corresponde a unha parte do que me interesa e cada ferramenta que utilizo é a que me parece máis apropiada”, recoñece neste senso o artista, que hai uns meses desenvolvía Beata, un proxecto que desenvolveu xunto co artista e profesor de Belas Artes Xoán Anelo, que tiña como eixo ás escritoras da beat generation. Naquel caso, avogaron por unha obra de carácter sonoro, “porque sinxelamente a natureza dos elementos que decidimos tratar esixía unha proposta desa índole e iso é o que fixemos”. Do mesmo xeito, máis aló do seu primeiro poemario, Mata ten desenvolvido nos últimos anos varias propostas de “poesía experimental que non entran dentro das marxes convencionais”, o que o levou “a empregar certos recursos que imposibilitan ou fan incoherente a formalización das propostas nun libro”, como si acontece agora cos poemas que integran El buen salvaje.