O campus acolle do 27 ao 30 de novembro a XX Semana Audiovisual da Montaña

Catro oportunidades para revivir grandes aventuras na natureza da man dos seus protagonistas

As sesións están abertas a todas as persoas interesadas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 26/11/2018

Do 27 ao 30 de novembro, o campus de Ourense acolle a celebración da XX Semana Audiovisual da Montaña de Ourense, organizada polo Club Alpino Ourensán co patrocinio da Fundación Florencio Álvarez e a colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense. Un ano máis, protagonistas de “emocionantes aventuras” achegaranse a contar as súas experiencias, desde o descenso do canón do río Mao hai 30 anos ata a vivencia de 100 días illado nunha cabana en Redes.

A iniciativa foi presentada este luns por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus; Marco Vázquez, da Fundación Florencio Álvarez, e Lucas Rodríguez, vicepresidente do Club Alpino Ourensán. Da iniciativa, Esther de Blas subliñou como “este tipo de actividades que mostran experiencias vitais son moi enriquecedoras para as persoas que asisten”. “As experiencias que se trasladan nesta semana son moi interesantes xa non só como deporte senón como formas de vida”, engadiu Rodrigo Alberte Pivida. Pola súa banda Marco Vázquez fixo fincapé en como a semana cumpre xa “a súa edición número 20 e iso é un mérito moi importante”.   

Do río Mao a Redes

Lucas Rodríguez foi o encargado de explicar os detalles da programación, na que nesta edición, indicou, “traemos xente achegada a Ourense pero de altísimo nivel”. As sesións celebraranse martes, mércores, xoves e venres ás 20.00 h na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, sendo as sesións abertas e de balde para todas as persoas interesadas. A primeira sesión estará centrada no primeiro descenso deportivo do canón do río Mao. Antón Gavela e Francisco Xavier Valencia explicarán aos asistentes como foi esa aventura hai 30 anos e como é na actualidade. Co seu testemuño, apoiado en imaxes e vídeos, retrotraerán aos asistentes tres décadas atrás “cando o descenso do río Mao, por membros do Club Alpino Ourensán, foi pioneiro no panorama do barranquismo e o montañismo en Galicia”. Ao final da intervención proxectarase un vídeo dun descenso feito recentemente do canón do río Mao por parte destes pioneiros.

Balcáns e Nova Zelandia, outra forma de viaxar será o título da sesión do mércores. Nela Lisardo Quintas falará da súa experiencia de viaxe en bicicleta e a súa filosofía de vida con este medio de transporte, co que leva percorrido máis de 100 países. Na súa intervención e no audiovisual que se proxectará contará a experiencia de viaxar polos Balcáns e Nova Zelandia, “unha dualidade de verán-inverno, preto-lonxe, viaxe accesible-complexa” e “realidades sociais, políticas, xeoclimáticas e económicas totalmente opostas”, segundo explican desde a organización.

O xoves Carmela Conde e Enrique Soto falarán de Kaiak na Baixa California do Sur. Os dous aventureiros ourensáns traerán dúas singraduras en total autonomía polo mar de Cortés, na Baixa California do Sur. A primeira delas, dunhas 55 millas náuticas (máis de 100 quilómetros) leva por título O 8 de Espírito Santo, pola figura que describe o seu percorrido no arquipélago de Espírito Santo. A segunda, Travesía Loreto-La Paz, trátase dunha travesía lineal o dobre de longa ca anterior e que percorre de norte a sur a costa oeste do mar de Cortés.

A  XX Semana Audiovisual da Montaña de Ourense rematará o venres coa sesión 100 días de soidade. Diario dunha experiencia. José Díaz contará a súa experiencia de reclusión nunha cabana en Redes durante un período de 100 días, sendo autosuficiente e desconectándose absolutamente do mundo real e os seus avances, estando só el coa natureza.

A programación de proxeccións e conferencias complétase coa celebración dunha exposición de fotografía de montaña na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. Trátase dunha escolma dos traballos presentados ao XVIII Concurso de Fotografía do Club Alpino Ourensán.