O campus acolle unha xornadas sobre a LIX nos medios de comunicación, organizadas por GÁLIX

A literatura infantil e xuvenil, a que mellor resiste a crise do sector do libro

Coa participación dos escritores e docentes Miguel Vázquez, Mario Regueira e Tamara Andrés

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
M. Del Río DUVI 26/11/2018

A literatura dirixida ao público infantil e xuvenil é a que mellor está resistindo o problema da crise do sector do libro. Así o explicaba Miguel Vázquez Freire, profesor, escritor e crítico nas Xornadas Abertas Gálix 2018. Desfacendo a Raia. A LIX nos Medios de comunicación que se celebraron este luns na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Esta cita, centrada en analizar a literatura infantil e xuvenil nos medios de comunicación, contou coa participación, ademais de Vázquez Freire, de Mario Regueira, escritor e crítico e Tamara Andrés, escritora, tradutora e intérprete, nun debate moderado pola profesora da Universidade de Vigo Ana Luna. Os participantes abordaron o papel dos medios de comunicación na literatura infantil e xuvenil e os medios de comunicación como ferramenta dinamizadora e/ou didáctica da LIX. O acto, dirixido ao alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, foi inaugurado por Xosé A. Perozo, presidente de GÁLIX o da facultade, Vicente Romo e supón a continuación dunha serie de actividades sobre literatura infantil e xuvenil comezadas no pasado curso. 

Cada un dos convidados achegou aos asistentes diferentes perspectivas sobre a relación da LIX cos medios. Así, mentres Vázquez Freire se centrou principalmente do eido da banda deseñada, pola súa vivencia como responsable da revista Golfiño; Regueira achegou o seu traballo como crítico de LIX en diversas publicacións coas que colaborou e colabora. Finalmente, Tamara Andrés abordou a presenza da LIX nas redes sociais, dende a súa experiencia como dinamizadora e activista cultural de LIX. 

Un dos problemas, a falta de atención dos medios

Miguel Vázquez Freire fundou na década de 1990 a revista Golfiño, unha das poucas publicacións galegas que apostaron pola banda deseñada para o público infantil. Dada a súa experiencia neste eido, no debate deste luns centrouse na problemática específica deste tipo de publicacións, como parte do ámbito cultural da literatura dirixida á infancia e a xuventude. En xeral, Vázquez Freire considera que é unha evidencia que “a literatura infantil e xuvenil é a que mellor está resistindo o problema da crise do sector do libro”, pero a banda deseñada é “un dos campos máis débiles dentro do ámbito do espazo cultural galego”. A pesar que considera que a LIX goza dunha relativa boa saúde, percibe un problema continuado que deriva da falta de atención a este campo por parte dos medios de comunicación, tanto da prensa como da radio e a televisión. A falta destes contidos, ao seu entender, “non permite un coñecemento constante das novidades que se están a producir e unha orientación crítica sobre a calidade das obras; este segue a ser un déficit, un problema que non estamos sabendo solucionar”. 

Con todo, remarca que aínda que existe unha “desatención xeral” por parte dos medios do ámbito cultural, tampouco hai unha demanda suficiente por parte da poboación. “Os medios responden a unha cuestión comercial e, se houbera unha demanda activa, estarían producindo este tipo de contidos”. E isto, a pesar de que en ningún outro momento houbo estatisticamente tantos lectores, subliña o experto. “Se hai un aumento do lectorado a través dun aumento do alumnado escolarizado, iso debería tamén repercutir nun aumento tanto do acceso á cultura como da demanda de cultura, e está fallando isto último, as novas xeracións que se incorporan ao ámbito cultural, non obstante, non incrementan a demanda de produtos culturais”. 
Nesta contorna xorden as novas tecnoloxías e as redes sociais, cos seus riscos e as súas oportunidades. Vázquez Freire recoñece que estas novas canles permiten “a aparición de fenómenos moi bonitos e interesantes, como os blogs literarios ou os booktubers”. O perigo, ao seu entender, é que existe unha “homoxeneización excesiva e uniformidade entre as recomendacións rigorosas e os que se limitan a dicir o que lles gusta e o que non”. Par ao escritor, isto pode derivar na desaparición do horizonte crítico como tal, baseándose na crenza de que todas as opinións teñen o mesmo valor que a opinión dunha persoa formada dende un punto de vista literario”. 

A banda deseñada

Un dos eidos que mellor coñece Vázquez Freire é o da banda deseñada e é, segundo a súa experiencia, un dos menos fortes dentro da LIX. Unha das hipóteses que baralla para explicar este feito é que houbo “un momento clave na transición política, na que tanto os creadores como o mundo editorial apostaron pola banda deseñada dirixida a adultos e as cabeceiras que foron plurais e con grande éxito como TBO, Pulgarcito ou DDT, desapareceron en toda España e non foron substituídas por unhas novas e iso debilitou a continuidade da afección pola banda deseñada”. Isto provoca que na actualidade os rapaces e rapazas xa non sexan lectores de banda deseñada, “non hai unha oferta continuada para eles e o que nos atopamos entre os adolescentes son fans, fanáticos de manga, por exemplo, grupos moi implicado pero minoritarios”. 
Fonte a este escenario, o crítico non é partidario das políticas públicas e subliña que se trata “dunha responsabilidade da cidadanía, das familias, de transmitir a nenos e nenas esta paixón porque, se houbese unha demanda, estou seguro de que a industria produciría eses produtos para esas franxas de idade”, conclúe.