Na décimo primeira edición dunhas xornadas organizadas entre a facultade e o colexio profesional

Alumnado e profesionais de Administración e Dirección de Empresas dialogan sobre o mercado laboral

Tres tituladas explicaron a súa traxectoria unha vez rematados os estudos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 28/11/2018

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense acolleu este mércores unha nova edición, a número once, da xornada de orientación laboral que cada curso académico organiza xunto ao Colexio de Economistas de Ourense. Tres profesionais do sector compartiron nela mesa e diálogo con alumnado do centro co obxectivo de axudarlles a darlle unha visión realista do mercado laboral.

A xornada, que cada ano se celebran co lema Os estudos de Administración e Dirección de Empresas: unha titulación con moitas opcións, tivo como obxectivo amosar ao alumnado do grao de Administración e Dirección de Empresas e do dobre grao Dereito-ADE, especialmente aos dos últimos cursos, algunhas das saídas profesionais que terán cando rematen os seus estudos. A iniciativa, explicaron os seus responsables, xorde da estreita colaboración que existe entre a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas de Ourense, colaboración destinada a contribuír a unha mellor formación e a unha maior inserción laboral do alumnado deste centro. Neste edición modificouse o formato de conferencia habitual nestas xornadas por un café, coa pretensión de que o diálogo, indicaron desde a súa organización, fose máis frutífero entre egresadas e alumnado.

Nesta edición, na que estiveron presentes Francisco Javier Sánchez Sellero, vicedecano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Guillermo Díez, decano-presidente do Colexio de Economistas de Ourense, o colexcio profesional convidou a tres profesionais tituladas en Administración e Dirección de Empresas para contar a súa traxectoria desde que remataron os seus estudos e as características do traballo que realizan na actualidade. Trátase de Luiba Yanara Rodríguez, que relatou a súa traxectoria profesional e o traballo que actualmente realiza en administración dunha empresa; Ainhoa Mateo López, que é traballadora por conta propia; e Eva Gloria Fernández, que exerce como economista. As tres detallaron para as e os asistentes como foi a súa busca de emprego unha vez rematada a carreira, os cambios de traballo vividos, as dificultades atopadas ou como ven elas actualmente o mercado laboral, facendo fincapé en detalles que puidesen ser de utilidade para o alumnado presente.