José Luis Castro ofreceu este mércores unha conferencia centrada nesta problemática

Menores terroristas ou terroristas menores?

En base á súa experiencia como maxistrado titular do Xulgado de Menores da Audiencia Nacional

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 28/11/2018

Menores e xihadismo. Este foi o título da conferencia que este mércores ofreceu na Facultade de Dereito do campus de Ourense José Luis Castro de Antonio, maxistrado xuíz titular do Xulgado Central de Menores e Central de Vixilancia Penitenciaria da Audiencia Nacional. Nela abordou, en base á súa experiencia neste eido, o tema dos menores de idade penal, de 14 a 18 anos, que se ven involucrados en temas de terrorismo xihadista. “O máis importante é tomar coñecemento dunha realidade que cuantitativamente non é importante pero que cualitativamente si o é e hai que previla”, comentou o xurista ourensán.

Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, abriu o acto salientando ao alumnado presente como “iniciativas deste tipo ofrécenos a oportunidade de complementar a vosa formación académica e de avanzar como centro nunha importante misión que temos as universidades como é transmitir coñecemento”. Manuel Arias, profesor desta facultade, foi o encargado de glosar a dilatada traxectoria do conferenciante. “Non é un xuíz estrela pero as súas resolucións son estelares”, dixo Arias, lembrando como entre as funcións de José Luis Castro están as decisións do cumprimento e da revisión de penas, como a concesión de permisos e terceiros graos, “de todos os presos que están a disposición da Audiencia Nacional en España”, é dicir terroristas, traficantes, bandas organizadas, etc. Nesta traxectoria, o profesor quixo destacar do conferenciante “o seu talante humano”, a súa aposta pola reinserción dos presos e a súa “toma decisións moi valentes e fundadas nun grande espírito humanitario”.

Vítimas e/ou verdugos

Co obxectivo de visibilizar a problemática existente arredor dos menores e o xihadismo, o maxistrado expuxo ao longo da súa intervención seis casos deste tipo que tiveron na Audiencia Nacional, sen dar información que puidese vulnerar a protección de datos e a protección de menores. Destes casos apuntou como non se pode dar un perfil dos menores involucrados en terrorismo xihadista, xa que “non hai unha identidade plena e absoluta no conxunto das persoas que cometen estes delitos”. Os casos expostos polo conferenciante tiveron tamén o obxectivo de ofrecer ao público asistente unha visión de como foron mudando estes delitos desde 2004, cando se creou o xulgado central de menores do que é titular.    

Sobre o tratamento xurídico destes casos, o maxistrado lanzou a reflexión ás e aos asistentes sobre se estamos a falar de terroristas menores ou menores terroristas. “Onde poñamos o aceno vainos delimitar a forma en que vamos a traballar”, afirmou José Luis Castro de Antonio, aclarando como desde o punto de vista xurídico o aceno está no feito de que son menores aos que se lle aplica polo tanto a lei de protección do menor. Así, lembrando como esta lei “é unha norma xurídica pero cunhas características especiais xa que non é tanto represiva senón que pesa máis o aspecto educativo e de reinserción”, o xurista ourensán subliñou “sobre todo a necesidade dunha profundización na contorna destes menores como unha idea de prevención para o futuro”.

Moitos dos menores involucrados co xihadismo, dixo, son “verdugos” xa que cometen o delito “pero moitos tamén son vítimas”, lembrando o caso de menores traslados a Siria e que de non ser por operacións policiais e logo xudiciais acabarían cometendo atentados ou rematarían explotadas sexualmente, no caso das mulleres. Neste contexto, indicou o maxistrado, “eu non deixo de agradecer ás forzas e corpos de seguridade do estado o traballo que están facendo precisamente na investigación e captura tanto de adultos terroristas como de menores e que supón moitas veces a evitación de atentados”, salientando a importancia destas intervencións “na fase de captación, de organización, na fase embrionaria do delito”. “Estámonos enfrontándonos a problemas moi serios”, dixo sobre o terrorismo xihadista, lembrando como nos casos concretos de terrorismo xihadista relacionado con menores “hai moitas implicacións, desde o punto de vista sociolóxico, do traballo coas familias, coa relixión... hai unha pluralidade de aspectos que hai que empezar a tratar en profundidade”.