Comunidade académica e familia participaron no acto de inauguración a exposición permanente

A colección de minerais de Manuel de Sas está xa no “mellor destino que podía ter”

Son máis de 200 pezas doadas á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía polo fundador de Povisa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/12/2018

Coincidindo co día de celebración da súa patroa, Santa Bárbara, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, inaugurou este martes a exposición permanente de minerais cedida polo doutor Manuel de Sas de la Encina. O acto estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e polo concelleiro Jaime Aneiros, xunto coa directora do centro, Elena Alonso e unha boa parte da familia de Manuel de Sas, incluíndo fillos e fillas, netos e netas e mesmo bisnetos e bisnetas, ata un total de 19 persoas. 

A mostra xorde da doazón á EE de Minas e Enerxía da colección de minerais e pedras preciosas por parte dos herdeiros do doutor Manuel de Sas de la Encina, socio fundador do hospital Povisa. Esta colección estivo exposta nas instalacións do centro médico durante 22 anos ata que a familia a doo á Universidade de Vigo. Consta de arredor de 200 exemplares, algúns deles “únicos e de gran beleza natural, incribles cores, asombrosas texturas e formas sorprendentes, como explican dende o centro académico”. O seu fillo Antón deu as grazas en nome da familia e explicou que a inauguración desta mostra sería o “soño cumprido” dun home “singular e polifacético”. Como afeccionado á mineraloxía, lembraba, formou esta colección grazas a numerosas viaxes ao longo do mundo durante toda a súa vida e, tras elas, foina completando “con ilusión e esforzo ata o seu falecemento”. Segundo o seu fillo, “cada peza ten a súa historia e el encantáballe contalas, relatar onde conseguira cada unha” e, por este motivo, o seu pai quixo dar un paso máis para que colección estivese a disposición de toda a sociedade, como sucederá a partir de hoxe. “El quería que, ademais de estar accesible a toda a sociedade, fose unha ferramenta para o estudo e formación real das persoas que teñen interese na mineraloxía e, por iso, quería que estivese nunha universidade, polo que este é, sen dúbida, o mellor destino que podía ter, achegando o seu gran de area para a formación de estudantes, docentes e visitantes desta escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía”.

Neste sentido, o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, expresou o agradecemento da institución académica tanto á familia como a Povisa pola cesión e remarcou que esta colección é resultado do “esforzo e a curiosidade intelectual de Manuel de Sas”, valores que son os que a propia Universidade “quere espertar na nosa xuventude, esa curiosidade científica, esa necesidade de saber e de espallar o coñecemento”. Coincidía na reflexión a directora da escola, Elena Alonso, que remarcaba que “o que comezou como unha afección acabou sendo paixón polo coleccionismo de minerais e pedras preciosas” e esta faceta de Manuel de Sas “representa un dos valores esenciais para unha comunidade universitaria, o afán por coñecer e por descubrir, o valor do esforzo constante, continuado, paciente e sistemático, común ao investigador e ao coleccionista”. 

Ademais das pezas doadas polo doutor De Sas, a esta mostra súmanse exemplares cos que conta a escola, rochas e minerais procedentes de fondos propios, doazóns de particulares e exemplares recollidos por estudantes do centro e pezas da Sociedade Mineralóxica Galega, “para conformar unha exposición permanente que está accesible a toda a sociedade no campus vigués, como era o desexo do doutor De Sas”.

Un proxecto de persoas para persoas

A directora da escola, Elena Alonso, fixo fincapé en que a apertura desta exposición “é o punto final dun proxecto colectivo, construído por persoas e para persoas” e agradeceu aos herdeiros de Manuel de Sas que facilitasen o proceso de doazón e aos profesores Ignacio Pérez Rey e Natalia Caparrini, na actualidade vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, “o traballo de clasificación e identificación dos exemplares”, co asesoramento do Grupo de Investigación Docente Xeoda. Neste mesmo sentido, o concelleiro Jaime Aneiros, trasladou o agradecemento da cidade á familia por “esta xentil doazón” a unha “escola recoñecida e de calidade” que vai permitir a toda a sociedade coñecer esta colección e desenvolver o traballo de docencia e divulgación que distingue á Universidade.

A mostra, que será permanente no vestíbulo da EE de Minas e Enerxía, consta de varias vitrinas nas que se poden atopar dende unha colección sistemática que sigue as clasificacións máis empregadas no ámbito académico (elementos nativos; sulfuros e sulfosales; haluros; óxidos e hidróxidos; carbonatos e nitratos; sulfatos, cromatos, molibdatos e volframatos; fosfatos, arseniatos e vanadatos e silicatos)  ata unha selección de minerais de Galicia, outra de cristais singulares e unha de variedades do cuarzo.

Pero esta exposición nace ademais cunha clara vontade de crecer e concíbese como unha mostra dinámica, que se irá enriquecendo con novas achegas de materiais e se completará coa organización de actividades paralelas. Por iso, como explicaba a directora da escola, tratarase de aproveitar a colección como “recurso para divulgar a riqueza e diversidade do patrimonio xeolóxico mineiro, como recurso didáctico para o ensino das ciencias da terra e como un espazo para a aprendizaxe complementaria dos centros educativos”, xa que se trata dun instrumento dinamizador do ensino de rochas e minerais valiosísimo para incentivar tanto o traballo do alumnado nas sesións prácticas de materias relacionadas con recursos minerais, como do estudantado de primaria e secundaria, como os 56 nenos e nenas de 6º de Primaria que onte luns visitaron o centro. Tamén se está a traballar nun Museo Virtual, un programa de relatorios monográficos, convocatorias de premios e concursos e a creación de contidos didácticos.