Na xornada de arranque do proxecto europeo Edify, liderado pola Universidade 

Expertos en fotónica consideran que Vigo debe converterse nun centro tecnolóxico de referencia en Europa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 05/12/2018

Algunhas e algúns dos máis destacados expertos en fotónica participaron este mércores na xornada de arranque do proxecto europeo Edify, liderado pola Universidade de Vigo e a empresa Smart Photonics, que ten o obxectivo de capacitar profesionais en fotónica integrada, ao abeiro das liñas de actuación do proxecto Marie Curie da axenda 2020. A xefa de marketing de Epic, consorcio que reúne a 400 empresas e universidades vinculadas coa fotónica, Auri Ripoll, foi a primeira en intervir na xornada asegurando que “Vigo ten que se converter nun centro tecnolóxico de referencia en Europa, como é Eihdhoven, en Holanda, ou Munich, en Alemaña”, asegurou. Ripoll, que explicou que a fotónica é unha tecnoloxía que liderará o futuro do vehículo autónomo, pero que hoxe xa está presente en sectores tan dispares como a agricultura, a enerxía, a saúde ou as comunicacións, incidiu na falta de persoal cualificado que existe neste ámbito. A responsable de marketing de Epic lembrou ás empresas participantes na xornada celebrada en Vigo que “a aposta da Unión Europea por esta tecnoloxía é tan forte que financian ata un 80% calquera sensor fabricado con fotónica”.

Pola súa banda, o coordinador do programa e investigador da Universidade de Vigo e subdirector de atlanTTic, Francisco Díaz, coincidiu con Ripoll no gran potencial da cidade e a súa área de influencia e salientou “as grandes oportunidades negocio xurdidas no transcurso da xornada entre as e os expertos en fotónica e as empresas, especialmente, automoción e aeroespacial”, sinalou.

Na xornada celebrada hoxe en dependencias de Zona Franca tamén participaron Ronald Broeke, director xeral de Bright Photonics; David Mackey, fundadot de mBryonics e Francisco Soares, responsable do Instituto Fraunhofer Heinrich Hertz, o centro máis relevante de Europa en telecomunicacións aplicadas. A sesión rematou cunha mesa redonda moderada polo director do proxecto Edify.