Dirixido a reunir alimentos para o comedor dos Pais Franciscanos, terá lugar o 20 de decembro

16 monitoras e monitores para o décimo sexto Maratón Solidario de Zumba

O Pavillón Universitario acolle tamén nestas semanas unha actividade de iniciación ao bádminton

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 10/12/2018

Un ano máis, a solidariedade marca as datas previas ao Nadal no Pavillón Universitario, que o vindeiro xoves 20 de decembro acolle a edición número 16 do Maratón Solidario de Zumba, un evento e dirixido a reunir alimentos cos que contribuír ao labor social que realiza en Pontevedra o comedor dos Pais Franciscanos. Un evento aberto a toda a cidadanía, á que se solicita que achegue a estas instalacións un quilo de alimentos non perecedoiros como o único requisito para participar nunha actividade que neste 2018 reunirá o maior número de monitores e monitoras, un total de 16 que, baixo a coordinación de Bruno Hermida, tratarán de animar a divertirse e facer actividade física ás persoas que entre as 20.00 e 22.00 horas se acheguen por un Pavillón Universitario, que nestas semanas acolle tamén unha actividade de iniciación ao bádminton.

“O único requisito para participar e traer cando menos un quilo de alimentos e ter gañas de pasalo ben e divertirse colaborando co labor solidario deste comedor”, salienta o técnico Gustavo Loureiro da actividade que a Área de Benestar e Saúde e Deporte e a Vicerreitoría do campus promoven coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que proporcionan a froita, bebidas ou barriñas enerxéticas, que se poñen a disposición das e os participantes, así como de GymFit e Fiestaloka.com. O feito de que, explica Loureiro, os monitores e monitoras que colaboran co evento achegasen cada ano aos seus alumnos e alumnas motivou que, baixo a coordinación de Hermida, este maratón conte nesta edición co maior número de monitores, chegados desde diferentes municipios da provincia, así como desde A Coruña e Vigo. Monitores e monitoras que irán rotando ao longo destas dúas horas para ir propondo aos e ás asistentes diferentes coreografías neste maratón dedicado a unha disciplina que combina os exercicios aeróbicos cos pasos de baile e que en 2017 permitiu reunir preto de 200 quilos de alimentos.

O momento de achegarse ao bádminton

A Área de Benestar, Saúde e Deporte, por outra banda, tamén vén de impulsar unha actividade de iniciación ao bádminton que, ao abeiro dun convenio asinado coa federación galega deste deporte, estase a pór en marcha nos tres campus. No caso de Pontevedra, estas clases desenvólvense os luns e mércores desta semana e a vindeira en horario de 16.30 a 18.00 horas, “para retomarse logo de novo en xaneiro”, explica Loureiro, quen salienta tamén que se trata dunha actividade gratuíta para as e os integrantes da comunidade universitaria e para as persoas alleas que conten co abono Muver ou outro tipo de bonos da área.

“O obxectivo é tratar de darlle visibilidade a esta modalidade deportiva”, sinala Gustavo Loureiro dunha iniciativa que será impartida por monitores do Club Bádminton Ravachol de Pontevedra e para á que non é preciso dispor de material nin de coñecementos previos, “aínda que os monitores adaptaranse tamén ao nivel dos participantes”. Do mesmo xeito, tamén existe a posibilidade, indica, tanto de acudir a unha única sesión como de participar nas catro programadas polo de agora, previa inscrición na plataforma Deporxest