Neste Nadal sé responsable. Consume con sentidiño

UVigo – Responsabilidade social axenda 2030 11/12/2018

Achéganse as festas do Nadal e o consumo dispárase. Dende a Universidade de Vigo queremos chamar ao consumo responsable e sostible de acordo co obxectivo 12 da Axenda 2030 

Na Universidade de Vigo apostamos polo consumo responsable, por un estilo de vida en que a elección de produtos e de servizos sexa resultado da combinación de criterios tales como a calidade, o prezo, o impacto ambiental e social, e a ética das empresas. O consumo responsable implica consumir só o preciso dentro dos límites biofísicos do planeta, tratando de ser coidadosos co medio ambiente e solidarios coas condicións laborais das persoas que producen ou que prestan un servizo.

Todas e todos somos responsables das nosas prácticas de consumo e dos impactos socias e ambientais da produción. Por todo isto, recomendámosche ter presente nestas datas o seguinte decálogo:
 

  1. Non improvises, sairache caro. Fai listaxes para planificar a compra tanto de alimentación coma de agasallos. Non creas os descontos de última hora e non te endebedes. 
     
  2. Elixe produtos de proximidade e de tempada. Con isto contribuirás a mellorar a economía local, a xerar emprego e a reducir a pegada de CO2 das túas compras.
     
  3. Busca alternativas de menús. Intenta consumir carnes, peixes e mariscos que non sexan os habituais destas datas. Pensa en menús moderados, sans e saudables. Cociña tendo en conta o número de comensais e aproveita ao máximo as sobras de comida.
     
  4. Sé unha persoa creativa nos adornos do Nadal. Reutiliza os adornos doutros anos ou fabrícaos con refugallos. Elixe árbores de viveiro e non utilices musgos, visgos nin acivros naturais. Emprega luces de baixo consumo.
     
  5. O cariño non se demostra cun agasallo caro. Bótalle imaxinación. Dedícalle tempo a fabricar certos agasallos. As tendas solidarias, de segunda man e de comercio xusto son tamén unha boa alternativa. Se vas regalar mascotas, faino a quen sexa responsable e se comprometa no seu coidado. Neste casos, a adopción é a mellor opción. 
     
  6. Merca xoguetes educativos, non-sexistas e seguros. Fíxate no distintivo CE e lembra que as pilas son moi contaminantes. Non te excedas á hora de envolver un agasallo e cando o recibas, reutiliza o envoltorio. Nunca empregues plásticos.
     
  7. Enche o Nadal de boa enerxía. Non subas o termóstato da calefacción a máis de 20 oC e evita que o termo da auga quente supere os 60 oC. Podes aproveitar estes días para revisar o estado de illamento do teu fogar.
     
  8. Carga as pilas movéndote. Intenta aparcar o coche ou ben compartilo. Goza dun paseo andando, en bicicleta ou en transporte público. Se vas viaxar, faino de maneira responsable. Escolle destinos que respecten os dereitos humanos e o medio ambiente. Lembra que o avión é o medio de transporte máis contaminante.
     
  9. Ten presente os 3R. Fai unha xestión óptima dos residuos: reduce os refugallos, reutiliza e recicla. Lembra que o mellor residuo é o que non se xera.
     
  10. Non te esquezas de pedirlles aos Reis Magos... Que aumente a conciencia social polo planeta e que as autoridades públicas fomenten medidas concretas para desenvolver un consumo sostible e amigable cos seres humanos e co medio ambiente.


 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.es