Programa universitario de maiores

Nunca é tarde para formarse

Dentro do marco xeral dos programas de formación das aulas de formación aberta da Universidade de Vigo desenvólvese o Programa para maiores: un proxecto de desenvolvemento científico-cultural dirixido a promover a ciencia e a cultura nas persoas maiores, teñan ou non titulación, ao mesmo tempo que as relacións interxeracionais.

Coa posta en marcha deste programa nos seus tres campus, nós, a Universidade de Vigo, pretendemos facilitarlles ás persoas adultas o seu desenvolvemento persoal e social, e colaborar con eles, en xusta correspondencia co que eles co seu traballo e esforzo achegaron á nosa institución. Trátase, pois, dunha oferta de estudos para as persoas que, por diferentes razóns, non puideran acceder á universidade no seu momento ou que, sendo xa titulados, se atopen en idade inhabitual para as tarefas académicas.

Coñece os detalles do programa:

É un proxecto educativo dirixido á poboación adulta que pretende favorecer a súa incorporación á vida universitaria a través de programas de formación paralelos ás ensinanzas regradas (titulación propia).
Deste modo, ofrecemos aos nosos maiores a posibilidade de incentivar as relacións interxeracionais, así como contribuír ao seu enriquecemento humano e cultural, proporcionando os instrumentos necesarios para garantir a formación ao longo de toda a vida e o seu desenvolvemento persoal e social.

Mellorar a súa calidade de vida facilitando o acceso a ensinanzas e experiencias propias do ámbito universitario, ofrecerlles un espazo para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, fomentar a súa participación na sociedade actual, axudarlles no seu proceso de adaptación aos cambios dos nosos tempos, impulsar a súa presenza como dinamizadores do seu propio contexto socio-cultural, posibilitarlles e ofrecerlles unha proposta real para as relacións intra e interxeracionais e facilitarlles os instrumentos necesarios para a aprendizaxe ao longo da vida.

O Programa para maiores deséñase de acordo cos principios seguintes:

  • Principio de adecuación dos contidos: os contidos das diferentes materias ou disciplinas deben adaptarse ao nivel de formación do alumnado, tratando de axustar o rigor e o valor científico dos contidos á súa capacidade de comprensión.
  • Principio de personalización da aprendizaxe: os programas das materias deberán ter en conta as situacións específicas de aprendizaxe das persoas ás que van dirixidos (tempos, ritmos, intereses, motivación etc.).
  • Principio de integración académica e sociocultural: a formación académica debe completarse con actividades de carácter sociocultural, integrando ambos os aspectos.

 E consta de dous ciclos:

  • Ciclo intensivo

    É un programa deseñado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, ofrecéndolles un espazo axeitado para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, e favorecendo un estilo de vida activo e saudable.

    O estudantado poderase matricular dun mínimo de 9 créditos ECTS por curso académico e dun máximo de 18, agás no caso de que queden por superar menos de 9 créditos para rematar o ciclo.

    Neste caso, o estudantado deberase matricular de todos os créditos restantes nunha única vez.
    Unha vez superados os 54 créditos ECTS dos que se compón o ciclo intensivo, outorgarase a correspondente acreditación mediante un título propio de «universitario ou universitaria sénior».
     
  • Ciclo integrado

    Ten como obxectivo fundamental fortalecer as relacións interxeracionais. Este ciclo permítelle ao alumnado cursar materias pertencentes a diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo.

    Diferénciase do ciclo intensivo en que estes estudos desenvolveranse xunto co estudantado das correspondentes titulacións oficiais de grao da Universidade de Vigo, nas mesmas aulas e horarios, e en igualdade de circunstancias, salvo que non exista a obriga de participar nos procesos de avaliación do estudantado xeral de grao.

    O alumnado poderase matricular nun máximo de 18 créditos ECTS cada curso académico. Unha vez superados 36 créditos ECTS dos que se compón o ciclo integrado, outorgaráselle un título propio de «universitario ou universitaria superior sénior». No caso de que o alumno ou alumna supere un mínimo de 24 créditos dun mesmo ámbito de coñecemento, engadiráselle ao título obtido o recoñecemento como experto ou experta no ámbito correspondente.

Existe un programa establecido para cada un dos tres campus (Vigo, Ourense e Pontevedra).

  • ciclo intensivo desenvólvese, dependiendo do campus, en:
    Campus de Vigo: Escola Universitaria de Estudos Empresariais (rúa de Torredeceira).
    Campus de Ourense: Escola Superior de Enxeñaría Informática (campus das Lagoas).
    Campus de Pontevedra: Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e Facultade de Belas Artes (campus da Xunqueira).
  • ciclo integrado desenvólvese nas facultades en que se imparta cada materia.

Podes atopar toda a información sobre a inscrición no Programa de maiores na súa sección correspondente: 

Como acceder ao Programa de maiores

Podes atopar toda a información sobre a matrícula no Programa de maiores na súa sección correspondente: 

Matricúlate no Programa de maiores

Para acceder á secretaría virtual para facer certos trámites, deberás ter un identficador, tamén chamado usuario. Este identificador ten dúas partes: unha é o NIU (número de identificación universitaria) e a outra parte é un nome de usuario que coincidirá co teu enderezo electrónico da UVigo. 

Dende esta ligazón podes ler as instruccións relacionadas co teu identificador e consultar diferentes tutoriais e preguntas frecuentes:

O meu identificador na UVigo

 

Tamén poderás consultar este breve manual sobre como acceder co NIU para facer a matrícula.

 

Alumnos do Programa de Maiores da UVigo

 

Para máis información sobre o Programa Universitario de Maiores, podes contactar con: