Silvia Marra e Noemí Vidal obtiveron o segundo premio no certame de novos deseñadores

Dúas alumnas de Esdemga, premiadas na Mostra do Encaixe de Camariñas

A súa colección 'Maruxa' carcaterizabase pola combinación de tradicion e contemporaneidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 03/04/2018

A converxencia de tradición e contemporaneidade, a través dunha colección que emprega tanto o encaixe como tecidos tan tradicionais coma o liño, que Silvia Marra e Noemí Vidal articularon no seu proxecto Maruxa, serviu a estas dúas alumnas dos Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) para facerse, na noite deste domingo, co segundo premio no certame de deseñadores novos da XXVIII Mostra do Encaixe de Camariñas. “A verdade é que foi unha sorpresa”, recoñece Marra tras saberse unha das premiadas nun certame no que o primeiro premio foi para a colección Royalty, de Jorge Álvarez García, e no que o xurado tamén distinguiu o proxecto Moldes, de Marta del Río, ao que se suma ao premio do público outorgado a Pablo González Moreno.

Deste xeito, Marra e Vidal dan continuidade, con Maruxa, ao recoñecemento xa obtido na anterior edición deste certame, no que todas as propostas deben inserir como condición indispensable nas súas prendas o encaixe que centra esta mostra, pola tamén alumna de Esdemga Teresa Búa. Tras seren seleccionadas finalistas do certame, Marra e Vidal presentaron os catro estilismos que integran Maruxa nos desfiles que se sucederon entre o xoves e este domingo nesta localidade da Costa da Morte, nun evento que se pechou na tarde do domingo coa entrega de premios. “É a primeira vez que participo nun certame de moda e a verdade é que foi tamén unha oportunidade para facer un traballo en equipo”, recoñece Marra do proxecto que desenvolveu conxuntamente con Noemí Vidal e do que recoñece como unha "moi boa experiencia" ese labor conxunto que ao seu proxecto a figurar entre os finalistas da 25 edición deste Concurso de Noveis Deseñadores de Moda, no que foron recoñecidas cun segundo premio dotado con 1200 euros.

O relato dunha muller moderna

“Nun momento no que todo o etiquetamos, Maruxa non é máis que a personificación dun estereotipo, un personaxe singular cun imaxinario propio, o que hoxe case entenderíamos por marca”. Deste xeito presentan estas dúas alumnas e deseñadoras unha colección que, explican, “naceu dunha especie de microrrelato”, da súa idea dunha personaxe, Maruxa, “unha muller moderna, independentemente do tempo que lle tocou vivir”, en torno á que articularon esa converxencia de tradición e contemporaneidade. Fixérono sumando ao encaixe de Camariñas “un liño galego que fan en Vimianzo”, nunha serie de prendas “pensadas para ler entre liñas”. Nese senso, explican, coa “elección dos materiais e a confección pormenorizada, case íntima”, as deseñadoras buscaban dar forma a un “conxunto que intenta argumentar que o singular e o persoal só é posible a través dun puzzle no que dialogan o que creas e o que delegas”.