Alumnado de Ciencias da Educación participou este xoves nunha xincana

Descubrindo “os saberes de Calpurnia” agochados polo campus

A iniciativa quixo fomentar tanto o coñecemento da contorna como a lectura

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 22/03/2018

Co gallo da celebración o 21 de marzo do Día Internacional dos Bosques e da Poesía e o 22 do Día Mundial da Auga, o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial, a Facultade de Ciencias da Educación e a Biblioteca Rosalía de Castro organizaron este xoves unha xincana para o alumnado desa facultade baixo o título Os saberes de Calpurnia, tomando o nome aparecido nunha ara descuberta na zona termal das Burgas. A través dunha dinámica de preguntas e respostas, o obxectivo da iniciativa foi fomentar tanto o coñecemento da contorna como a lectura.

A actividade contou coa participación de 15 grupos de estudantes de Educación Infantil e Primaria da Facultade de Ciencias da Educación, formado cada un deles por catro estudantes. A idea de pór en marcha esta iniciativa, explicou a profesora Isabel Mociño, xurdiu do feito de que profesorado das facultades de Ciencias da Educación e de Historia “vimos notando a falta de instauración de hábitos lectores entre o noso alumnado e o pouco coñecemento e mesmo o escaso interese que teñen polo ecosistema da facultade e do campus”. Para comezar a cambiar esta tendencia, indicou, deseñaron esta proposta lúdica e divulgativa.

Patrimonio moi diverso

Tendo en conta esta preocupación, o obxectivo da xincana foi “fomentar o coñecemento da contorna, mellorando a cohesión e o coñecemento dos distintos habitantes do ecosistema do campus de Ourense”. Para acadalo afondouse no descubrimento do patrimonio da zona universitaria, “patrimonio arquitectónico, natural, arqueolóxico-histórico, científico, sonoro, paisaxístico, gastronómico, fáunico, cidadán, interxeracional, olfactivo, acuático e simbólico”. Así, entre os dez retos lanzados ao alumnado estivo “cando Calpurnia naceu, o Imperio Romano estendíase ata o que hoxe é un país en cuxa bandeira aparece representada unha árbore singular que podemos gozar no noso campus. Sacade unha foto debaixo da súa sombra e enviádella a Calpurnia”, sendo neste caso Calpurnia un grupo de WhatsApp creado para o desenvolvemento da xincana.

Como pano de fondo destas actividades estivo a finalidade última de promocionar a lectura como formación e como forma de lecer nas futuras e futuros educadores. Así, os premios para os grupos gañadores foron “libros que se consideran imprescindibles na biblioteca particular dun futuro mestre ou mestra e bos libros de literatura infantil e xuvenil para lectura compartida interxeracional”, doados por institucións e librarías ourensás. “Fixemos esta primeira edición a modo de programa piloto pero de cara a próximas edicións queriamos facelo para todo o campus e por toda a cidade”, comentaron desde a organización.