Investigadores da Universidade asinaron un acordo co consorcio contraincedios da zona

FireRS elixe as comarcas do Deza e Tabeirós-Montes como campo de probas da súa tecnoloxía

O proxecto europeo combina satélites, drones e sensores na loita contra os lumes forestais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/03/2018

Nelas están localizados algúns dos concellos onde máis lumes forestais se rexistran en Galicia. As comarcas do Deza e Tabeirós-Montes sofren desde hai anos unha lacra á que, desde a investigación e a transferencia, as e os investigadores pretenden achegar solucións. Este é o obxectivo do proxecto internacional FireRS (wildFIRE Remote Sensing), que conta cun importe de 2 millóns de euros ata o ano 2019, co obxectivo, a través do uso dun picosatélite, unha flota de drones e sensores infravermellos en terra, ademais dun centro de control para a xestión da información, de crear unha ferramenta que sexa quen de realizar unha detección temperá e achegar información en tempo real dos lumes forestais aos servizos de emerxencia. O protagonismo da comarca pontevedresa no proxecto coordinado pola Universidade de Vigo e no que participan a Universidade de Porto e o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulousse de Francia, materializouse hoxe nun convenio asinado entre a institución académica viguesa e o Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, que será o encargado de testar as tecnoloxías desenvolvidas ao abeiro do proxecto, a través de varios simulacros parciais e un final con lume real e controlado.

“É moi importante para nós dispoñer de usuarios reais”, asegurou o docente e investigador principal do proxecto FireRS, Fernando Aguado, que incidiu no impacto directo que a investigación ten na sociedade. Aguado, xunto ao tamén investigador da institución académica viguesa Pablo Izquierdo e Juan José Muñoz, xerente-xefe do consorcio, acompañaron á vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo e ao presidente do consorcio e alcalde de Agolada, Ramiro Varela, na sinatura do acordo de colaboración entre ambas as dúas institucións. “Este é un proxecto que aborda un problema grave e co que toda a sociedade está moi concienciada”, asegurou Asunción Longo, que destacou a multidisciplinariedade e carácter internacional dun proxecto “que é un exemplo claro de que as cousas que se fan na Universidade non están lonxe da sociedade”.

FireRS, un proxecto pioneiro e ambicioso que encaixa perfectamente en Galicia

Juan José Muñoz, xerente-xefe do Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, agradeceu á Universidade de Vigo contar con eles para testar un proxecto que considera “ambicioso e pioneiro en Europa e que en Galicia encaixa perfectamente, ademais de que pode ser perfectamente exportable”. Muñoz asegurou que o consorcio achegará toda a súa experiencia a esta iniciativa, que considera será moi útil na extinción de lumes con eficacia e eficiencia, a través da realización de simulacros “con lume real, que irán de menos a máis, comezando o vindeiro verán, ata chegar a un simulacro final, previsto para dentro dun ano”. Mentres, o alcalde de Agolada lembrou o elevado risco de incendios que afecta ás comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, polo que agradeceu a materialización deste acordo coa Universidade de Vigo.

Pola súa banda, Fernando Aguado, que lembrou a transversalidade desta iniciativa na que participan grupos de investigación dos campus de Vigo e Ourense, ademais do centro de investigación atlanTTic, agradeceu a participación de xeito proactivo do consorcio no proxecto que pretende sexa escalable. “O proxecto desenvólvese dentro dos prazos previstos, tanto pola nosa banda, como pola dos socios portugueses e franceses que avanzan nos procesos de integración”, explicou o coordinador, que adiantou que os simulacros se realizarán cos drones e sensores e cunha cobertura local.

Lume 1, licitación da integración para o lanzamento do satélite

Mentres a Universidade de Porto e LAAS-CNRS avanzan nos procesos de integración dos UVAs e cámaras infravermellas e do software e a predición do comportamento dos lumes forestais, respectivamente, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo fai o propio co deseño e integración de Lume 1, o cuarto satélite da Universidade de Vigo tras XaTcobeo (2012), Humsat-D (2013) e Serpens (2015). “Estamos neste intre no proceso de licitación pública da empresa que se vai encargar del proceso de integración para el lanzamento do cubesat”, avanzou Fernando Aguado, que confirmou que o satélite chegaría ao espazo, no derradeiro trimestre de 2018, previsiblemente, ben, a bordo do foguete indio PSVL (Polar Satellite Launch Vehicle), ben, nun Falcon 9 de Space X.

O cubesat ten unhas dimensións de 20X10X10 centímetros e un peso aproximado de 2,45 quilos e orbitará a unha altura de entre 500 e 600 quilómetros durante aproximadamente un ano. “A idea é validar a nova tecnoloxía que incorpora na carga útil, que é unha evolución dos satélites anteriores, e que sexa un produto transferible”, explicou Aguado.