O especialista en lírica trobadoresca Xosé Xabier Ron interveu nos 'Xoves do Vindel'

Na procura do significado do apelido Codax

Centrouse na onomástica na lírica trobadoresca e no nome do autor do pergamiño

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/02/2018

A través dunha ollada reflexiva sobre o nome dos trobadores, como chegaron a nós, a través de que testemuños e as dificultades que espertan, o especialista en lírica trobadoresca Xosé Xavier Ron ofreceu hoxe no ciclo Os Xoves do Vindel, organizado polo Departamento de Filoloxía Galegae Latina da Universidade de Vigo, un relatorio no que abordou a onomástica na lírica trobadoresca, con especial referencia ao nome de Martin Codax. “A día de hoxe, aínda permanece a dúbida sobre o significado concreto do apelido, xa que un personaxe que rexistramos en dous documentos de 1275 e 1278 do mosteiro de Santa María de Oia, Fernan Codaz, no momento actual da nosa investigación, non nos permite establecer se Codaz é un alcume ou un patronímico, sendo máis probable que, ao igual que Martin Codax, sexa un alcume, estando ausente o patronímico”, explica Ron, que sinala que si se pode presupoñer é que os únicos documentos, a día de hoxe, en que aparece este apelido, ofrece a grafía Codaz, establecéndose así un perfecto correlato coa anotación musical da cantiga 882 do Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, onde consta “Martin Codaz esta non acho pontada” e referencia á sexta cantiga do Pergamiño Vindel , carente de pauta melódica.

Ron, que foi presentado polo docente do Departamento de Tradución Anxo Fernández Ocampo, sostén que Martin Codax comparte trazos “con outros nomes do noso cancioneiro, moitos deles integrados no hipotético Cancioneiro de Xograres Galegos: Martin de Ginzo, Martin de Caldas, Martin Campina, Pedro d’Armea, … a gran diferenza vén dada, precisamente pola ausencia da preposición de, como Martin Campina. Ou fóra dese cancioneiro hipotético temos un Fernan Padron, posiblemente topónimo, faltando polo tanto o patronímico, do que xa lanzamos no 2005 a hipótese de que sexa Pelagii”.

Recoñecer o trobador a través da tradición manuscrita

Para o especialista en lírica trobadoresca é preciso que que a tradición manuscrita conserve un nome formado por tres elementos onomásticos necesarios: antropónimo + patronímico + alcume/topónimo. “Afons’Eanes do Coton, Pai Gomez Charinho ou Fernan Paez de Tamalancos, ofrecen os tres elementos e, non obstante, as dificultades son enormes debido á existencia dunha frecuente homonimia interna a unha mesma parentela ou familia que obstaculiza o traballo do investigador”, explica Ron, que lembra que o nome que conserva a tradición manuscrita servía para recoñecer ao trobador, en tanto membro activo dunha comunidade máis ou menos reducida, que recibía as cantigas e logo decidía copialas e conservalas.

O que representa o Pergamiño Vindel na lírica trobadoresca

A obra de Martin Codax é segundo Xosé Xabier Ron un elemento de contraste necesario en moitos niveis, dos que destaca dous: o da tradición manuscrita e o da realidade creativa e performativa. “No primeiro caso por que permite comprobar que as sete cantigas do Pergamiño son as que figuran nos apógrafos italianos e déixanos entrever como o soporte do pergamiño era un dos mecanismos de copia/transmisión que serviron para elaborar as antoloxías ou cancioneiros”, explica o experto el lírica trobadoresca, que no caso da realidade creativa e performativa destaca que a obra de Codax permite deducir que o texto poético e o melódico conforman, como di o profesor da Universitat de Barcelona Antoni Rosselol, unha unidade que debe estudarse conxuntamente, sendo o esquema métrico o lugar onde se materializa. “O Pergamiño Vindel abre paso a interesantes debates sobre como se deben interpretar as cantigas de amigo de Martin Codax, tal como podemos ver, por poñer un exemplo, nas diferenzas de criterios musicolóxicos entre Rossell e Ferreira”, engade Ron.

Os Xoves do Vindel rematarán cunha conferencia o vindeiro 1 de marzo da man da catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Pilar Lorenzo Gradín, que falará sobre as cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea.