Un proxecto de investigación afondou na actualidade xurídica neste eido

Unha ollada desde o dereito ás novidades na xestión dos recursos hídricos

A iniciativa enmárcase no proxecto de especialización do Campus da Auga

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 14/02/2018

Un dos elementos sobre os que se fixo fincapé desde a posta en marcha do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga é no seu carácter transversal. Deste xeito, o seu obxectivo é “empapar” todas as áreas de traballo dos diferentes centros universitarios, non só os do eido científico. Nesta liña de traballo, investigadoras e investigadores da Facultade de Dereito veñen desenvolvendo diversas iniciativas que teñen nos recursos hídricos o seu foco de atención. Entre elas, a profesora Susana Álvarez vén de liderar un proxecto que tivo como obxectivo afondar nas últimas novidades xurídicas estatais neste eido.

Informe preceptivo e vinculante

O estudo estivo financiado pola convocatoria 2017 de axudas a proxectos de investigación Inou da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación Provincial e levou por título Recursos Hídricos, ordenación do territorio e sustentabilidade: novidades lexislativas e xurisprudenciais. Ademais de Susana Álvarez completan o equipo que traballou nesta actividade Roberto O. Bustillo e Laura Movilla. “Nun contexto xurídico internacional guiado cada vez máis polo paradigma do desenvolvemento sustentable, un dos obxectivos deste proxecto foi coñecer e dar a coñecer a experiencia española nas últimas décadas en relación cos recursos hídricos e os novos desenvolvementos urbanísticos”, comenta a investigadora principal do proxecto. Neste senso, apunta, o proxecto afonda nesta cuestión desde a “interrelación que existe entre auga, ordenación do territorio e desenvolvemento sostible”.

Sobre a análise realizada, Susana Álvarez destaca como “tras décadas dun crecemento insostible baseado na construción e na especulación inmobiliaria, desde o ano 1999 para aprobar plans urbanísticos en España é necesario que, previamente, organismos especializados informen sobre se existen suficientes recursos hídricos para garantir as necesidades derivadas dos desenvolvementos previstos (novas zonas residenciais, industriais, etc.)”. Desde entón, engade a profesora da Universidade de Vigo, “a combinación da vontade do lexislador, aínda que cunha técnica lexislativa deficiente, e do criterio xurisprudencial teñen ido reforzando devandito informe ata convertelo en preceptivo e vinculante, tal e como conclúe o proxecto desenvolvido”.

Coñecemento e divulgación

O desenvolvemento deste proxecto de investigación, apuntan os seus autores, permitiu en primeiro lugar facer un traballo de actualización xurídica no eido dos recursos hídricos, da ordenación do territorio e da sustentabilidade, mergullándose no avance normativo e identificando as claves do marco actual de actuación. En segundo lugar, engaden, permitiu avanzar na implicación no proxecto de especialización do Campus da Auga dunha das áreas de coñecemento presentes no centros do campus de Ourense, neste caso do dereito. En terceiro lugar, o persoal docente e investigador que levou a cabo este estudo destaca como o proxecto tivo unha faciana moi divulgativa partindo da premisa de que “o coñecemento da experiencia española e da evolución lexislativa resulta de utilidade para outros estados e para realizar un estudo de dereito comparado”.

Neste contexto de traballo, os resultados do proxecto de investigación, e con eles da posta en marcha do Campus da Auga, detallan os investigadores e investigadoras, difundíronse a través de diferentes canles, como foron a presentación dunha comunicación no XVI Word Water Congress, International Water Resources Association, celebrado do 29 de maio ao 3 de xuño de 2017 en México; a organización dunha actividade formativa presencial especificamente dirixida a profesionais do sector público e privado especializado nesta temática, como foi o Seminario de Dereito Tributario, Auga e Sustentabilidade que tivo lugar o 5 de outubro de 2017 no campus de Ourense, e a través de diversas publicacións dos membros do Departamento de Dereito Privado participantes neste proxecto.