Esta semana celebrouse no campus a xuntanza inicial do ILSA (Interlingual Live Subtitling for Access

Filoloxía e Tradución lidera un proxecto europeo para facer accesibles as retransmisións en directo nun idioma estranxeiro

Porán en marcha o primeiro curso do mundo sobre refalado interlingüístico

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 01/02/2018

O campus vigués acolleu esta semana a xuntanza de lanzamento de ILSA (Interlingual Live Subtitling for Access), un proxecto de investigación Erasmus + KA203, financiado pola Comisión Europea que ten como obxectivo desenvolver unha nova disciplina baseada na subtitulación interlingüística en directo mediante refalado interlingüístico. A Facultade de Filoloxía e Tradución lidera un consorcio conformado polas universidades de Amberes, Varsovia e Viena, o Parlamento de Galicia, a VRT, principal cadea de televisión pública belga e Dostepni.eu, unha empresa polaca. Pablo Romero, investigador Ramón y Cajal da Universidade de Vigo, coordina o proxecto e explica que ademais das entidades socias contan con outros 30 organismos asociados, incluíndo a ONU, universidades e asociacións de persoas xordas de todo o mundo. O proxecto conta cun orzamento de 250.000 euros e unha duración de tres anos, dende setembro de 2017 ata setembro de 2020. O equipo vigués que lidera o proxecto está formado polos docentes Luis Alonso, Ana Pereira, Lourdes Lorenzo e o propio Romero, xunto coa técnica da Oficina de Relacións Internacionais Eva Garea.

Medios audiovisuais accesibles para persoas xordas, refuxiados ou inmigrantes

As e os investigadores que forman parte de ILSA traballan “tanto a nivel de formación como de investigación, de modo que o proxecto poida servir para facer accesibles programas de televisión, actos públicos, sesións parlamentarias e clases que se fagan en directo e nun idioma estranxeiro, para beneficio tanto da comunidade xorda como de oíntes que precisen tradución, como por exemplo, inmigrantes ou refuxiados, apunta o docente.

O proxecto baséase no refalado interlingüístico, é dicir, subtitulación interlingüística en directo por recoñecemento de fala, disciplina na que Romero leva anos especializándose e que, segundo explica, é un modo de subtitulado no que unha persoa escoita o que se di nun programa ou evento retransmitido por televisión e, ao mesmo tempo vai refalando ou reformulando a un programa de recoñecemento de fala, ditando tamén signos de puntuación, de modo que este programa de recoñecemento amosa estas palabras como subtítulos en directo para espectadores xordos ou oíntes que necesiten subtítulos, e faino con moi pouco retraso sobre o tempo real. “Ata agora isto estábase facendo de xeito intralingüístico, por exemplo de español a español”, destaca o investigador, “o que pretendemos investigar é si se pode facer interlinguisticamente, por exemplo, de inglés a español, determinar quen pode facelo e, sobre todo, como formar a estes profesionais”. E é que actualmente, segundo apunta, non existe outro xeito de facer subtítulos interlingüísticos en directo, “sabemos que se pode facer interpretación simultánea, pero agora temos que ver se se pode facer refalado interlinguístico, xa que o produto, os subtítulos, serían accesibles tanto a oíntes como a persoas xordas.

Un curso único no mundo

O proxecto botou a andar en setembro pero non foi ata esta semana cando se celebrou a primeira xuntanza de traballo presencial. Nela participaron representantes de Polonia, Bélxica e Austria. A partir de agora, segundo explica Romero, comezan cos primeiros experimentos de refalado interlingüístico do mundo con estudantes da Universidade de Vigo. A partir do próximo outono tamén se porá en marcha o primeiro curso desta disciplina no mundo, que neste caso será online.