Un proxecto de investigación analizou o seu perfil e os usos que fan destes espazos

A media de idade dos usuarios das termas abertas da provincia de Ourense é de 46 anos

O traballo estivo dirixido pola antropóloga da Universidade de Vigo Fátima Braña

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 25/01/2018

“O termalismo é un fenómeno social xeral en canto a xénero e idade e tamén de persoas que repiten a experiencia con regularidade. Queda claro que as termas non son usadas de forma preferente por persoas maiores nin por persoas de renda baixa”. Estas son algunhas das conclusións dun proxecto de investigación coordinado pola antropóloga da Universidade de Vigo Fátima Braña que tivo como obxectivo analizar o perfil de usuarios, usos e valoración das termas abertas na provincia de Ourense.

O estudo estivo financiado pola convocatoria 2017 de axudas a proxectos de investigación Inou da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación Provincial. Ademais de Fátima Braña, a investigación contou coa participación de María Dapía e David Casado e a colaboración de Silvia Pérez e Javier Diz. O traballo, apuntan os seus responsables, “ofrece por primeira vez datos empíricos do perfil socioeconómico, motivacións, patróns de uso en espazo e tempo, prácticas no ámbito termal, suxestións de mellora e valoracións” destes usuarios. A investigación baseouse en enquisas a case 500 usuarios das termas de Bande, Lobios, Cenlle, Outariz, Muíño da Veiga, Chavasqueira e As Burgas e entrevistas a case unha ducia de persoas con responsabilidade na xestión dos espazos termais.

Patróns identificados

“Podemos dicir que as persoas usuarias dos espazos termais segundo a mostra recollida son homes e mulleres cunha media de 46 anos. Parécenos relevante este dato na medida en que se enfronta á idea de que o termalismo é unha actividade asociada coas persoas máis maiores e terceira idade”, comentan os autores e autoras do estudo. Segundo a información recadada neste traballo, as persoas usuarias teñen procedencia española nun 75,5% e portuguesa nun 20,3% e son maiormente asalariadas (44,1%) ou xubiladas (25,6%). Nos ingresos por unidade familiar, sinálase na investigación, “apréciase que as porcentaxes máis altas corresponden con ingresos entre 700 e 1500 euros como renda familiar (35,3%) e 1500 a 2500 (26,3%). O 16,6 % teñen ingresos familiares superiores a 2500 euros mensuais”.

En canto á forma de usar os espazos termais, a investigación realizada apunta patróns ou perfís de uso en relación coa intensidade do coñecemento das termas, coas preferencias de acompañamento e cos períodos de preferencia para usalas. Das persoas que participaron no estudo o 66,3%, detalla Fátima Braña, non é a primeira vez que visitan a terma na que responderon á enquisa. Tamén se consta que hai persoas que coñecen máis termas ademais da que estaban cando foron enquisadas (45,5%) e outras que só coñecen aquela na que foron enquisadas (54,4%). “Se o termalismo en espazos abertos e gratuítos é unha actividade que se fai máis dunha vez, como se desprende dos datos recollidos, tamén podemos dicir que acudir ás termas é unha actividade social, pois a maior parte da mostra así o indica: o 31,4% vai ás termas en grupo e o 23,8 % en parella”, comenta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense.

A investigación tamén indica que cando as persoas van ao espazo termal maioritariamente esperan estar ata dúas horas (53,6%) pero tamén hai unha porcentaxe do 31,9% que se vai quedar entre dúas e cinco horas. “Por tanto, podemos dicir que a visita termal é entendida como breve, un complemento na xornada e, para un terzo da mostra obtida, enténdese que ocupa a metade da xornada”, recolle o estudo. Ademais, os datos recadados apuntan a que os usuarios non prevén de xeito significativo facer actividades máis alá do baño nin facer uso da infraestrutura turística. Outros datos recollidos neste proxecto indican que o 49,2% dos usuarios non coñece as propiedades das augas e a que entre as motivacións o relax (24,2%) é unha das razóns fundamentais para ir ás termas, marcando a opción saúde o 19,2%. “A motivación de coñecelas acada un 20,3% da mostra o que quere dicir que a cuestión puramente turística está case á par que cada unha das motivacións propias do termalismo”, comenta Fátima Braña. En canto á valoración destes espazos, o 48,3% dá a máxima puntuación á terma na que foi enquisado.

As preferencias de uso no eido temporal indican que unha boa parte da mostra (26,1%) prefiren ir ás termas no verán e que unha boa parte declara que vai ás termas cunha frecuencia diaria (32,9%). En canto aos días que parecen máis axeitados para ir a estes espazos, a mostra indica que os usuarios prefiren ir entre semana (46,2%) e a razón aducida é que se vai ás termas cando hai tempo (60,7%) ou ben cando menos xente hai (29%). Os datos tamén apuntan a que os usuarios prefiren ir a estes espazos polas tardes (43,1%) e polas mañás (33,6%). 

Entre o natural e o turístico

Sobre os resultados das entrevistas realizadas, entre outros aspectos os investigadores e investigadoras sinalan que “déixannos ver os conflitos entre o ideario das termas como espazos naturais pouco antropizados ou como espazos claramente orientados ao turismo que reclaman infraestruturas invasivas”. Unha dualidade, apuntan, “que se materializa na procura de recursos para acadar infraestruturas que en ocasións as persoas usuarias non valoran como positivas. Apreciamos unha fractura entre o desexo de infraestruturas de carácter turístico por boa parte das persoas usuarias fronte a outras que sinalan a importancia de minguar a intervención e a construción para garantir a naturalidade do recurso e por tanto da auga”.