Segundo un estudo realizado pola investigadora da Universidade de Vigo Laura Ruiz

O 20% do alumnado do campus presenta unha conduta sedentaria

Os resultados empregaranse no deseño dun programa piloto para reducir esta porcentaxe

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 17/01/2018

“O 20,6% do alumnado do campus de Ourense presenta unha conduta sedentaria, sen existir diferenzas significativas entre mulleres e homes”. Esta é unha das principais conclusións dun estudo realizado pola investigadora predoutoral da Universidade de Vigo Laura Ruiz. Os resultados obtidos neste traballo serán empregados para o deseño e implementación dun programa piloto que permita reducir esta incidencia na comunidade universitaria.

O estudo Avaliación do alumnado universitario sedentario no campus de Ourense estivo financiado pola convocatoria 2017 de axudas a proxectos de investigación Inou, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Deputación Provincial. Realizado no marco do grupo de investigación Análise e Intervención Psicosocioeducativa, o traballo contou tamén coas achegas dos investigadores José María Faílde, María Victoria Carrera e Antonio González. A investigación enmárcase ademais nas diferentes liñas de actuación da Universidade de Vigo no eido do fomento da vida saudable nas que a investigadora Laura Ruiz participa, como as accións dentro da Rede Española de Universidades Saudables e os Martes Saudables, cuxos postos percorren cada cuadrimestre os tres campus fomentando os bos hábitos entre a comunidade universitaria.

Sobre a importancia de levar a cabo este estudo, a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación sinala como o sedentarismo, a falta de actividade ou exercicio físico, “é unha conduta amplamente estendida entre a poboación que afecta de forma negativa á saúde, configurándose como un dos principais factores de risco para múltiples patoloxías, especialmente no caso das enfermidades crónicas, entre as que se atopan as enfermidades cardiovasculares, a diabetes, o cancro e as enfermidades pulmonares crónicas, responsables de tres de cada cinco mortes en todo o mundo e das máis altas taxas de morbilidade”.

Diferenzas por áreas de coñecemento

Na primeira fase deste estudo, realizada para identificar ao alumnado sedentario dentro das distintas titulacións que se imparten no campus de Ourense, participaron 665 estudantes dun total de 768 alumnos e alumnas de primeiro curso. Na segunda fase do estudo cuantitativo así como na investigación cualitativa participaron 85 das 137 persoas diagnosticadas como sedentarias nesa fase inicial. Sobre os resultados cuantitativos obtidos, a investigadora sinala como “en función do ámbito de coñecemento dos centros si que detectamos diferenzas significativas, encontrando que o alumnado do ámbito humanístico é o máis sedentario (30%), seguido polo de ciencias da saúde (25,8%), o xurídico-social (22,5%), o científico (21,8%) e o tecnolóxico (13,4%).

En canto ás características do alumnado sedentario, Ruiz Soriano indica que a maioría se situou en normopeso (69,4%), independentemente do seu xénero, aínda que tamén se detectaron casos de persoas con infrapeso (8,2%), sobrepeso (15,2%) e obesidade (7,2%). “A pesar de todo e en xeral, presentan un bo estado de forma ou condición física”, comenta a investigadora. Pola contra, engade, “non gozan de bos niveis de calidade de vida relacionada coa saúde, teñen unha baixa adherencia á dieta mediterránea e os niveis de insatisfacción corporal son significativamente máis elevados nas mulleres sedentarias que nos homes sedentarios”.

Polo que respecta aos resultados obtidos na parte cualitativa do estudo, baseado en entrevistas, a investigadora sinala como “o alumnado sedentario coincide en que a actividade física é unha ferramenta útil para ter unha vida saudable e prever distintas enfermidades, atribuíndolle o reporte de beneficios mentais tales como a relaxación, o benestar social ou a diversión”. Doutra banda, engade Laura Ruiz, “hai quen confía en que a práctica de actividade física é necesaria para manterse en forma e evitar o sobrepeso e a obesidade”. Tamén destaca no seu estudo que aínda que o alumnado foi identificado como sedentario tendo en conta os criterios do cuestionario internacional IPAQ, hai algunha persoa que manifesta non sentirse sedentaria ou que da primeira á segunda avaliación mudou o seu comportamento. Por último apunta o caso de estudantes que afirman que noutro momento das súas vidas facían deporte con asiduidade pero que o deixaron e non foron capaces de retomalo.

“Detéctase que unha alta porcentaxe de alumnado apunta á falta de tempo libre como factor que impide a súa realización de actividade física. A falta de motivación, o factor económico e os problemas de saúde son outras das razóns que alegan para non realizar actividade física”, detalla a investigadora. Os motivos polos que o alumnado estaría disposto a realizar exercicio, detalla, é “a obtención dunha mellora na súa saúde tanto física como mental, o aproveitamento do seu tempo libre dun xeito produtivo e sentirse ben consigo mesmo”.

Programa piloto

Tendo en conta a información obtida, subliña por último a investigadora, “o que temos previsto é  deseñar e implementar un programa piloto co que se contribúa a reducir a porcentaxe de sedentarismo ou, o que é o mesmo, a garantir que as futuras xeracións do noso campus teñan unha maior calidade de vida e adopten estilos de vida saudables que reforcen a súa saúde”.