O campus acolle a XIX Semana Audiovisual 2017 do Club Alpino Ourensán

Catro grandes aventuras contadas polos seus propios protagonistas

O alto Atlas e América do Sur serán os grandes protagonistas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 27/11/2017

Hai viaxes que constitúen auténticas aventuras, que teñen detrás de si unha historia que merece ser contada e escoitada. Con esta idea, este martes arrancará no campus de Ourense a XIX Semana Audiovisual 2017 do Club Alpino Ourensán. A cita contará cos protagonistas de catro grandes aventuras para narrar as súas viaxes polo alto Atlas e por diferentes zonas de América do Sur. Apoiados por imaxes e vídeos, eles e elas compartirán co público asistente as características das súas expedicións e as súas lembranzas do vivido.

A cita, que se desenvolve do 28 de novembro ao 1 de decembro, foi presentada este luns no campus de Ourense. Segundo explicou Víctor Barro, vogal de montaña do Club Alpino Ourensán, a semana do audiovisual dá protagonismo a aventuras de calquera das disciplinas que abrangue este club, desde a montaña á travesía. “O máis interesante é que ofrece a oportunidade de coñecer as historias de primeira man, escoitar aos aventureiros e aventureiras que as viviron”. Sendo o primeiro ano que esta actividade se celebra nas instalacións universitarias, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou como esta colaboración se enmarca na filosofía da institución de “abrir as nosas portas, ser un espazo aberto, para a cidadanía”. Pola súa banda, Marco Vázquez, en nome da Fundación Florencio Álvarez e María Teresa Esteban que patrocina esta iniciativa, animou ao público a achegarse ás sesións da XIX Semana Audiovisual 2017 salientando como “merece a pena escoitar as historias destes aventureiros”.

Do Atlas á Patagonia

A programación iniciarase o martes 28 de novembro cunha sesión na que algúns dos seus protagonistas falarán, apoiados en imaxes, da Expedición Ourensá Alto Atlas 88, da que se cumprirá o vindeiro ano 30 anos. Os asistentes ao acto poderán coñecer o que foi un “fito no alpinismo ourensán”, cando varios membros do club, “logo dun intenso período montañeiro nas altas montañas da península ibérica e macizos europeos, pretenderon unha nova fronteira nos grandes cumios do continente africano, o alto Atlas”. O día seguinte o protagonismo da XIX Semana Audiovisual 2017 será para o sendeirismo e o kaiak polo Parque Natural Torres del Paine. Carmela Conde e Enrique Soto contarán, apoiados en imaxes e vídeos, “una viaxe realizada entre os meses de novembro e decembro por América do Sur, unha viaxe de navegación en kaiak por Chepu, polo Parque Nacional de Chiloé, e de sendeirismo nas torres do Paine, que constituíu o comezo dunha gran travesía en kaiak por ríos como o Serrano, o Tindal e o Fiordo.

O terceiro día de programación, o xoves 30, tomará o relevo Raquel Novoa para contar a súa aventura Mochileando América do Sur. As súa foi “unha viaxe mochileira de cinco meses dende centro América ata a rexión mais austral do planeta, a Patagonia”. Polo camiño, indican desde a organización, “mergullaron, ascenderon picos de máis de 5000 m, descenderon barrancos e realizaron travesías andinas de varios días de duración pero sobre todo empapáronse do espírito viaxeiro e das diferentes culturas de todos os países que coñeceron: Costa Rica, Colombia, Ecuador, Perú, Bolivia, Chile e Arxentina”. As xornadas rematarán o venres 1 de decembro cunha sesión na que Eñaut Izaguirre, o único participante que non forma parte do Club Alpino Ourensán, está convidado a falar de Incógnita Patagonia, “un proxecto que aúna exploración, alpinismo e cartografía glaciar” e que tivo como obxectivo explorar e atravesar por primeira vez o campo de xeo Cloué, na illa Hoste, no extremo austral de Sudamérica, “ascendendo cumes inescaladas e cartografando o retroceso glaciar dunha das zonas mais remotas e incógnitas da Patagonia”.

Todas as sesións, abertas ao público interesado, serán ás 20.00 h na sala Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro.