O centro recibiu este mércores a visita dunha delegación dese país

Enxeñaría Informática amosa as súas capacidades a un grupo de empresarios mexicanos

Achegáronse á escola para coñecer os servizos de formación, investigación e innovación que ofrece

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 22/11/2017

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense recibiu este mércores a visita dun grupo de empresarios e empresarias procedentes de México interesados en coñecer a oferta formativa e as liñas de investigación e innovación que se desenvolven neste centro. A delegación estivo formada por seis empresarios e empresarias que se atopan en Ourense esta semana convidados por Redegal para coñecer as institucións e o tecido empresarial ourensán. Na visita, Alma Gómez e Pepa Lado, subdirectoras da escola, foron as encargadas de explicar aos presentes as características do centro e investigadores principais de diferentes grupos da Escola Superior de Enxeñaría Informática, concretamente Arno Formella e Javier Rodeiro, expuxeron as súas liñas de traballo e proxectos destacados.

“Quixemos que viñeran a esta escola porque a nosa relación con ela é moi intensa, xa que a maior parte dos nosos traballadores fórmanse aquí e estes empresarios e empresarias son clientes nosos. Polo tanto de aquí saen os profesionais que logo lle prestan servizo a eles”, apuntou Gerardo Rodríguez, director de Sistemas de Redegal que acompañou á delegación mexicana na súa visita. Esta colaboración tamén foi destacada por Alma Rodríguez, que fixo fincapé na relación do centro co tecido empresarial da súa contorna. O obxectivo final da visita deste grupo foi coñecer o centro ourensán para valorar posibles liñas de colaboración futura en proxecto de interese común.