Co gallo da Semana da Ciencia, estudantes do CES Aloya descobren o Centro de Investigación Biomédica

O alumnado de FP convértese en persoal investigador do Cinbio por un día

Participaron en obradoiros de histoloxía, neurofisioloxía, citometría e inmunoloxía

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/11/2017

Preto de cincuenta estudantes dos ciclos de grao superior de Laboratorio Clínico y Biomédico e de Anatomía Patológica y Citodiagnóstico do Centro de Estudios Superiores Aloya de Vigo foron as e os primeiros en visitar este luns o Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, na primeira xornada de portas abertas que, con motivo da Semana da Ciencia, organiza Cinbio. As e os alumnos de Aloya foron recibidos no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais pola directora do centro, África González, que lles explicou os obxectivos e dinámicas de traballo do Cinbio, a onde o grupo se dirixiu, unha vez rematada a intervención da responsable do centro, para participar en varios obradoiros impartidos por investigadoras e investigadores do centro.

África González comezou a súa intervención lembrando que Cinbio é un centro singular de investigación de Galicia, ao que se lle concedeu financiamento para os vindeiros catro anos. “O centro está organizado en cinco áreas de investigación utilizando cada unha das siglas do nome: o 'C' de cancro: o I de inmunidade e inflamación; 'N' de neurociencia; 'B' de biosaúde e envellecemento activo e 'O' de obesidade e metabolismo”, detallou a directora de Cinbio, que tamén se referiu á importancias das áreas transversais que apoian a estas cinco principais, como bioestatística, bioinformática ou innovación para o desenvolvemento de novas tecnoloxía para a elaboración de vacinas, diagnose ou procura de novos fármacos. A directora do Cinbio destacou que son 14 os grupos de investigación, que suman un total de 200 persoas, os que neste intre conforman o centro, do que nos últimos tres anos saíron 500 artigos publicados e creáronse cinco spinoffs.

Da técnica de Patch-Clamp ao coñecemento das defensas a través da citometría de fluxo

En grupos de sete, as e os alumnos do Centro de Estudios Superiores Aloya aproveitaron a mañá para coñecer da man das e dos investigadores do Cinbio o traballo que estes realizan en ámbitos como a Química Coloidal, Citometría, Neurofixioloxía ou Histoloxía. Así, con Sara Nuñez e Daniel García, o alumnado descubriu no obradoiro Explorando o mundo nano, os secretos do deseño e síntese de nanomateriais, empregados no desenvolvemento de novas aplicacións. Coñece as túas defensas a través da citometría de fluxo foi, pola súa banda, o obradoiro impartido por Mercedes Peleteiro, no que a investigadora achegou ao alumnado de Formación Profesional os detalles desta tecnoloxía biofísica baseada na utilización de luz láser para o reconto e clasificación de células, segundo as súas característica morfolóxicas, presenza de biomarcadores e na enxeñaría de proteínas.

Os obradoiros Da vida á pantalla (Histoloxía-Microscopía); Descubrindo a neurona a través da electrofisioloxía: a técnica de Patch-Clamp (Neurofisioloxía) e Está o teu corpo protexido?: Estuda os anticorpos (Inmunoloxía), completan os obradoiros nos que hoxe participou ao alumando do CES Aloya e ao que mañá seguirán preto de 60 estudantes do Colexio Vivas de Vigo. Pola súa banda, alumando de sexto de Primara do CEIP Javier Sensant visitará o centro o vindeiro xoves, onde verán traballar ás e aos investigadores, que lles explicarán o seu traballo e logros acadados, para achegar a investigación aos máis novos e buscar novas vocacións científicas.